Amor, benvido sexa!

|

ai persoas que non queren bicos, que detestan os aloumiños e as caricias, neste tempo e en calquera outro, con pandemia ou sen ela. Outras non, hai moitas outras encantadas de recibir beixos a calquera hora, de dalos e de acompañalos cunha aperta grande, grade, grande ... E tamén hai persoas que entenden que un bico é unha acción machista, polo tanto, un acto abominábel e horrible. Quen sabe! Pode ser un sinal de amor, unha proba de aprecio, un indicador de cariño. Ou non?

Por una mirada, un mundo; / por una sonrisa, un cielo ..., escribía o poeta e narrador do romanticismo, Gustavo Adolfo Bécquer. Cando se xuntan o sorriso, a mirada e o bico, que pasa? E que pasaba con aquelas parellas que se namoraban por carta e mandaba os bicos por correo? Agora non, poucos escriben cartas. Ninguén recibe na súa casa unha carta, de non ser un aviso do recibo sen pagar ou outra sen razón calquera, asinada por debaixo dun cordial saúdo. O correo electrónico e o whatsapp tamén levan bicos ao remate, pero poucas veces.

Para bicarse e aloumiñarse á distancia hai outros medios no macrocosmos das redes sociais, medios especialmente pensados e directos para que treman as pernas do receptor, para que os comunicantes acaben fundidos nun abrazo gozoso e duradeiro, cando menos, ata a próxima conexión vía telemática. Así é como se coñecen, como se queren e como se xuntan moitas das parellas actuais e, como o farán, moitas máis no futuro.

Os promotores das redes sociais son os casamenteiros da actualidade como, noutras épocas e noutros lugares, eran os reputados mestres amigos e coñecedores dos seus estudantes e das súas familias. Os datos son teimudos e, segundo o Instituto de Estatística de Galicia, cada ano hai menos matrimonios, máis divorcios e moitos menos casamentos pola igrexa. Non obstante, o cariño e o amor non degaxan.

David Deida, estudoso do crecemento espiritual e sexualidade sagrada, di que unha das claves para que as relacións de parella perduren está en “manter acendida a paixón sexual” e , “para que a atracción e o desexo non esmorezan é conveniente que, independentemente do xénero, unha das dúas persoas emparelladas encarne e potencie o rol masculino e a outra o feminino”. A Tía Manuela non está posta nesto, pero comparte con Deida que o amor aparece sen buscalo. Benvido sexa!

Amor, benvido sexa!