Coidar aos coidadores

Ollando de cara ao pasado inmediato, lembramos que xa vai alá un ano e medio longuísimo, imposible de esquecer e que será recordado para sempre nos anais da historia humana. Ese bicho que bautizamos como Covid-19, segou a vila de miles de persoas entre nós, millóns se contamos ao conxunto do planeta nunha cifra que aínda está por saber realmente alén dos datos oficiais fornecidos polas autoridades sanitarias que con certeza verán multiplicado a cifra real en estudios futuros que afonden na realidade da pandemia sanitaria soportada no mundo enteiro. Na memoria fican aqueles días do confinamento co foco de propagación e transmisión descontrolada nas residencias de persoas maiores, os servizos hospitalarios desbordados e, por riba de todo iso, a entrega e profesionalidade heroica das e dos traballadores da Sanidade, e tamén dos de outros servizos públicos, honrados socialmente con aquel bater de palmas que cada días se facía desde balcóns e fiestras baixo a melodía dun Resistirei simbólico, metáfora aplicable xustamente ao traballo desenvolvido por eses sanitarios de botaron coraxe, entrega, esforzo e sacrificio no seu labor de entrega que lles trouxo tensión, fatigas físicas e mentais, desolación e contaxios mortais.


A pandemia fixo saber da importancia dos servizos públicos, especialmente dos sanitarios que non pode entenderse sen a súa base, a familiar. Emporiso, o que está a suceder coa Atención Primaria, e as súas consecuencias para a cidadanía e as profesionais, é un grave atentado da autoridade sanitaria galega que vai na liña das mesmas políticas de recortes e desmantelamento da sanidade pública seguido nos últimos anos. Xubilacións sen repoñer ou transformadas en contratacións en precario coa fuga de profesionais; minoración dos recursos, desmantelamento das estruturas directivas, ouvidos xordos á demanda de condicións dignas do seu persoal, xestión en base a titulares de prensa populistas e outras formas máis de desprezo e degradación dolosas.


As consecuencias, unha vez deixamos atrás o peor da pandemia do Covid-19, mostran un panorama no que é moi difícil o contacto telefónico cos centros de saúde, as listas de espera son de moitos días e mesmo semanas, incompatibles con este servizo que provocan colapso de PACs e das urxencias hospitalarias; seguen as colas na rúa para acceder ás instalacións malia que continúa a atención telefónica e telemática como eixo da asistencia, en detrimento da presencial, que pon en risco a saúde ao sacumar o coñecemento directo da situación da persoa enferma. Péchanse locais periféricos e continúa o recorte de persoal e a precariedade de novos efectivos. A río revolto, ganancia de pescadores. Neste caso, a dos seguros sanitarios e da empresa privada.


Por iso, a plataforma SOS Sanidade Pública anuncia a convocatoria dunha mobilización que, baixo o lema “Salvemos a Atención Primaria, na defensa da sanidade pública” demanda un novo modelo que destine mais recursos e persoal para que sexa digna, integral, accesible e de calidade.

Coidar aos coidadores

Te puede interesar