Vilagarcía crea o Concurso de Poesía Xaquina Trillo para potenciar entre os mozos este xénero e o galego

Vilagarcía crea o Concurso de Poesía Xaquina Trillo para potenciar entre os mozos este xénero e o galego
A primeira edición foi presentada onte por representates da Mesa das Verbas, do Concello e do Centro Comercial | g. salgado

Grazas a un traballo a tres bandas da Mesa das Verbas, do Concello e do Centro Comercial Arousa Vilagarcía pon en marcha a primeira edición do concurso Poesía en Lingua Galega Xaquina Trillo. O director da Mesa das Verbas, Xermán Torres, explicou que é un certame dirixido ao alumnado da ESO de todos os centros educativos de Galicia, dado que a idea nace coa finalidade de impulsar “a creación literaria poética”, pero sobre todo “impulsar o uso da lingua galega”. Daí que un dos requisitos básicos sexa o uso deste idioma nas composicións que se presenten ao concurso. “Para o ano seguramente rotaremos co alumnado de Bacharelato”, aclarou Torres.


As bases do certame indican que está dirixido a rapaces de entre 12 e 16 anos e que se pode participar cun poema que non exceda os 60 versos. Ten que ser unha creación inédita e orixinal e non ter sido premiado en ningún outro concurso. As pezas a presentar a concurso deben depositarse na furna da primeira planta do Centro Comercial Arousa (ou envialas por correo postal) dende xa e ata o 10 de xaneiro, mes no que se dará a coñecer o fallo do xurado.


Os premios

Haberá tres gañadores. O primeiro premio conleva 100 euros en metálico, e un vale de compra pola mesma cantidade para gastar no Centro Comercial Arousa, así como un agasallo e un diploma. O segundo son 50 euros en metálico, outros tantos en vales de compra e tamén o diploma e o agasallo. Por último o terceiro clasificado levará 25 euros en metálico e tamén en vales e o seu correspondente regalo. As bases completas poden consultarse aquí.


Foi o propio Xermán Torres o que destacou a figura de Xaquina Trillo, vilagarciá que lle dá nome a este certame. “Foi unha muller galeguista e vencellada ás personalidades e intelectuais galeguistas da época”, matiza. Sinalou que “foi alumna do colexio León XXIII e discípula de Aquilino Iglesia Alvariño. Nos anos 30 xa hai alguha publicación dos seus poemas nos periódicos da época”.


Na vida de Xaquina Trillo, segundo as palabras de Xermán Torres e tamén da edila de Cultura Sonia Outón, estiveron figuras moi recoñecidas como Federico García Lorca -ao que lle entregou sendo nena un ramo de flores na súa actuación na Peixería- ou o propio Castelao, que a escoitou declamar e a felicitou por iso.


Outón explicou que “este certame tamén serve para pór en valor a figura de Xaquina que estaba moi presente na poesía e na cultura nunha época na que a muller non acostumaba a estalo. Podemos dicir, salvando as distancias, que é a nosa Emilia Pardo Bazán de Vilagarcía”.


Xaquina Trillo publicou seis obras en vida a partir dos 80, aínda que xa estaba familiarizada coa poesía dende moito antes.

Vilagarcía crea o Concurso de Poesía Xaquina Trillo para potenciar entre os mozos este xénero e o galego

Te puede interesar