Esperanza, o sustento dos humildes

Cando tiña trinta e cinco anos (agora ten sesenta e cinco) non había teléfono en ningunha das casas da parroquia onde nacera, ninguén sabía nada de internet e as feiras de gando, de porcos da ceba ou da cría comezaban a esmorecer e esmoreceron ata morrer. Daquelas feiras quedan lembranzas moi distantes, recordos borrosos. Os animadores culturais, os activistas ou profesionais cualificados en materias diversas andan na procura e na interpretación do que pasou, da evolución deses tempos e do rumbo que segue o mundo, aínda que, por veces, parece un mundo ao revés.


Naquelas casas da nosa xente sen teléfono, trinta anos despois, non vive ninguén, non hai quen fale, non hai quen escoite e non hai para onde, nin por onde, mirar. Parece un ermo, un deserto, onde medra con forza e con xenreira a inxustiza, aínda que cadaquén leva no seu peto ou colgado no pescozo un teléfono tan grande como un día sen pan. Pasamos de nada a moito, a moitas posibilidades de conexión, de interacción e de dependencia total.


Absoluta dependencia dos aparatos electrónicos, da informática, das redes sociais, dos amigos virtuais, das noivas e noivos que tanto se queren, que tanto se aman e se apertan agarrados ao rato dun ordenador ou adheridos ás teclas dun teléfono, a través do estilizado dedo polgar. O desenfreado proceso de cambio que se achega e que, ao parecer, está perfectamente programado, depende desas aplicacións informáticas descoñecidas pola inmensa maioría e ao servizo dos que mandan e queren seguir mandando.


A pandemia axudou a este negocio, a telemática é a principal vía de comunicación da humanidade. A saúde, a educación, o transporte, a investigación, a política e os amores son parcelas cultivadas pola técnica, a tecnoloxía e a distancia. Nunca tal se viu!


Achéganse velozmente formas de vida distintas ás coñecidas, veñen tempos novos e traen consigo ritmos novos, cantos novos e novas perspectivas, para que todo siga igual, os pobres igual ou máis pobres e os poderosos co máis poder a golpe de tecla. Xa o dicía Marco Aurelio, “todo o que vemos é unha perspectiva, non é a verdade” e o que escoitamos, certamente, é unha opinión e non un feito.


O futuro vén correndo e, como di a Tía Manuela, con tecnoloxía ou sen ela, con teléfono ou con miles de teléfonos, non podemos perder a esperanza, “o sustento dos humildes, de cada día”.

Esperanza, o sustento dos humildes

Te puede interesar