Escaparate da cultura galega

Miramos de esgallo á evolución da pandemia sanitaria da Covid-19, coa súa nova vaga de contaxios que se presentan a xeito de nova onda, e van seis xa, nun ciclo que lembra á cantiga popular das “ondas que veñen e van”, ata marear toda esperanza de ver luz ao final dun túnel que, indiscutibelmente, é moito máis longo do que ten propagado o altofalante da publicidade institucional. Co nivel de vacinación da poboación xeral na fronteira do oitenta e cinco por cento do conxunto total das persoas, aquela teoría da inmunidade colectiva que se supoñía poría fin a este pesadelo da humanidade planetaria, vese que é unha falacia que precisa ser posta en cuestión. Nin que dicir do concepto de “inmunidade de rabaño”, facendo símil coa experiencia veterinaria do que é propio das enfermidades contaxiosas por causa vírica entre animais que comparten o mesmo recinto. Puro sarcasmo que na versión retranqueira da nosa maneira de interpretar as noticias non pasa de ser unha apelación ao desexo da autoridade de vernos submisos e guiadiños ao estilo que se agarda dos animais situados nun cortello pechado. Daquela, reparemos na sabedoría do refraneiro popular advertindo que “cando as barbas do teu veciño vexas cortar, pon as túas a remollo”. A veciñanza de referencia é a cidadanía europea que sofre novo confinamento.


Por iso, as citas abertas con público organizadas para os días que veñen, non van ser alleas á evolución do andazo que nos ten fortemente limitados, vai xa para dous anos. Mágoa diso. Aínda así, malo será que non poda desenvolverse con plena normalidade o CULTURGAL, a Feira das Industrias Culturais galegas que chega á súa edición número catorce. Precisamente, para conmemorar a nova normalidade agardada, escolleron como palabra de orde o lema “A cultura que toca”, que neste ano “ten un amplo significado, por unha banda, o relativo a fomentar o contacto entre a acción cultural ao vivo e o público, entre as empresas e axentes culturais, co a previsión de que este Culturgal sexa o do reencontro, o da recuperación, o do contacto directo coa cultura. E tamén porque é necesaria para superar a crise, para fomentar o diálogo, o respecto e a diversidade, establecendo a cultura como o laboratorio dun futuro mellor, cultura como punto de encontro”. Xa que logo, nesta edición, a dixitalización toma impulso tras unha pasada edición en streaming que serviu de aprendizaxe para a organización, poñendo en marcha a canle de televisión do certame, un medio que a xeito de magazine, na convocatoria actual, funcionará como “unha tele cultural de fin de semana”. Traballo profesional rigoroso e iniciativa creativa, abofé.


Culturgal, definitivamente asentado en Pontevedra, ven de ser seleccionado como un dos tres mellores proxectos de industrial culturais e creativas; e dicir, de acción e promoción cultural, así considerado na totalidade do ámbito estatal polo Ministerio de Cultura e Deporte. Todo o talento galego do mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia. Imprescindíbel.

Escaparate da cultura galega

Te puede interesar