RIVEIRA - 275 anos do rexeite do ataque de corsarios ingleses

RIVEIRA - 275 anos do rexeite do ataque de corsarios ingleses
Diario de Arousa-2014-08-09-021-b6e39cb4

Corrían as primeiras horas da tarde do 9 de agosto de 1739 cando os apenas mil riveirenses  se viron sorprendidos polo ataque de corsarios ingleses. Contaba a tradición oral, sobre todo dos vellos do Pombal, que tan intenso era o combate e o canoneo entre os buques británicos e o pazo do señor da zona que corrían ríos de bronce desde a “fortaleza” ata o mar. O certo da historia é menos fantasioso: hai hoxe 275 anos, Pedro Arias Mariño de Sotomayor, ao fronte dos veciños, venceu, “tras duro combate”, ás tripulacións que arribaran en tres buques. Os invasores atacaron a localidade da que, ante o estupor inicial e o desconcerto dos seus habitantes, se fixeron os donos.
A residencia oficial do alcabaleiro, o funcionario da Coroa ao que se lle aboaban os impostos, situada en Banda o Río, era o obxectivo inicial dos saqueadores, que buscaban onde atopar máis botín. No ataque inicial, os corsarios fixeron cativos aos veciños e apoderáronse de todo o que tiña valor. O pazo foi destruído e a poboación fuxiu ás parroquias veciñas para protexerse. Trala sorpresa e conscientes da situación, os que lograron salvarse uníronse cos veciños de Artes, Carreira, Oleiros, Corrubedo e Olveira, e capitaneados por Arias Mariño, formaron un pequeno exército de voluntarios que, aínda que inferior en número, descendeu da Garita e expulsou aos invasores. Tralo contraataque, liberaron aos prisioneiros retidos polos corsarios e recuperaron o botín. Aquela “batalla”, sen dúbida unha das habituais das que se producían naqueles anos nas rías galegas, quedou gravada na memoria popular como un dos feitos de armas máis sobranceiros das xentes da zona.

ESCUDO HERÁLDICO DE ARMAS
A casa de Pedro Arias de Sotomayor, representante do Tesouro e da Santa Inquisición en Riveira, foi reconstruída anos máis tarde polos seus descendentes, que residían no lugar de Figueirido, en Palmeira. Por esta e outras fazañas, don Pedro conseguiu que se lle outorgase escudo heráldico de armas, distinción que conserva aínda hoxe o pazo de San Lourenzo, que se alza no barrio do Pombal e que é coñecida como a casa dos Cadenas. O escudo ostenta os cuarteis das casas de Soutomaior, Salgado e Noguerol; as ondas dos Goiáns, Caamaño e Benavides e o busto da serea dos Mariño de Lobeira. Outro escudo similar a este, que presidía a casa de Figueirido, atópase na fachada do pazo dos Otero fronte á igrexa parroquial.
As dúas casas, Pombal e  Figueirido, conforman o núcleo matriz dos Mariño, antigo e ilustre apelido galego, arredor do cal existen diversas e fantasiosas lendas. Tiñan os Mariño o privilexio de usar o tratamento de Don e descendían de Diego Arias Mariño de Lobeira que, durante o reinado de Carlos II o Enfeitizado, foi capitán de mar e terra, soldado en Flandres e gobernador da cidade de Lima (Perú).
Aquel 9 de agosto de 1739 foi a segunda ocasión da que se ten constancia, na que Riveira foi atacada directamente por corsarios ingleses. A primeira vez foi o 11 de xuño de 1644 -fixo recentemente 370 anos- cando o capitán Andrés de Otero Arias Mariño, ao servizo da Coroa española, defendeu “heroicamente” á poboación, que daquela tiña o seu centro de actividade en Banda o Río, núcleo orixinario xunto a Fondevila e Deán, da urbe actual. O valor e a heroicidade da súa xente fixo que en 1485 os Reis Católicos asinasen en Tarazona un protocolo de distinción polo cal os veciños destas terras poderían ser axustizados como nobres en caso de seren condenados a morte, a excepción dos reos de traizón á Coroa. Así, os habitantes desas terra eran considerados “fidalgos ante a morte”.

VISITA DE FRANCO
Pero, obrigado é tamén facer referencia á visita que hai hoxe 70 anos fixo o xeneral Franco á localidade. ¿O motivo? A inauguración da “Clínica do 18 de xullo” situada na Amarella. Aquela visita sen maior importancia é unha das que soia facer o ditador durante a súa estadía estival en terras galegas, obtivo a súa lembranza no rueiro local co nome de “Rúa 9 de Agosto de 1944”. A perspectiva histórica e o acontecer fan hoxe esbozar un sorriso pola ocorrencia dos políticos locais, que, sen dúbida condicionados polas circunstancias da época, non tiveron máis remedio que facer boa unha iniciativa para inmortalizar aquela visita. O acontcemento quedou plasmado, á marxe das imaxes da prensa, nunha reportaxe do NO-DO que se pode ver hoxe no portal da historia local www.riveira.eu.
Por certo, non estaría mal, como propuxen xa hai tres décadas, que se cambiase polo menos o ano da rúa, que tería mas sentido en homenaxe aos veciños que o de manter o dunha mera visita protocolaria. ¿Para cando?

RIVEIRA - 275 anos do rexeite do ataque de corsarios ingleses

Te puede interesar