“Virxe do Carme”, a traíña que dá prosperidade a CR Vilaxoán

“Virxe do Carme”, a traíña que dá prosperidade a CR Vilaxoán

Ás tres cousas que ten Vilaxoán que non as ten calquera, o San Martín, a Coral e o campión Pantera, hai que sumarlle xa o Clube de Remo, que onte presentou a súa nova traíña “Virxe do Carme”. Un barco aplatanado, modelo de Amilibia, co que participará un ano máis na Liga Galega A de Traíñas. O clube medra sempre coa canteira presente, por iso este ano a inversión duns 36.000 euros nesta embarcación non é para pelexar polo título de liga, senón para non pasar os apuros do ano pasado e seguir medrando cara un obxectivo: Conseguir que un 80 ou 90 % da tripulación da traíña sexa de remeiros propios. Dende que Rogelio “Gelo” Tarrío tomou a presidencia hai tres anos o proxecto deportivo segue en expansión. O feito de  ser o único clube con cinco representantes no Campionato de España de bateis hai un mes demostra o ben que se está a traballar no Preguntoiro. “Fun o presidente máis envexado en Sestao”, dixo onte Tarrío ante un salón cheo no Centro Sociocultural. 
Veciños, remeiros e familiares, representantes doutros clubs como os presidentes do CLB, do CB Vilagarcía, do Arosa, do Faxilde ou do Triatlón Vilagarcía tamén arrouparon a botadura da nova embarcación. Ao igual que as autoridades. Encabezadas polo propio alcalde Alberto Varela e o concelleiro de Deportes, Argimiro Serén, xunto ao presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e a Alfonso Gallego, director comercial da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. Todos eles tiveron palabras de felicitación para o clube, recoñeceron o seu labor e fixeron fincapé nos valores que nomeou a presentadora e remeira xuvenil do clube, Fátima Burés: Sacrificio, constancia, compañeirismo, perseverancia e a competitividade sa e limpa. “O remo é un deporte de ricos practicado por pobres, pobres si somos, pero seguiremos practicando o deporte dos ricos. Unha vez que  secoller o amor polo remo é para toda a vida”, dixo a remeira.
O acto, no que se recordou a presentación hai un ano dun batel en homenaxe a Machote, pechouse co bautizo de mar de “Virxe do Carme”. O nome da traíña que conmemora o centenario da patrona do pobo. Os remeiros da traíña botáronse ao mar para probar o barco mentres a Coral de Vilaxoán entonaba o “Salve mariñeiro” e o “Tres cousas ten Vilaxoán”. O clube segue a dar pasos no seu ambicioso pero ben sostido proxecto, con moita identidade. Contar cunha traíña femenina no futuro pode ser o seguinte paso.

Calendario de liga
O calendario da competición da Liga Galega de Traíñas establece no Grove a regata de presentación organizada por ALN e Mecos, con probas nas ligas A, B e na feminina. En total serán 25 regatas das tres competicións, con bastante protagonismo para a Ría de Arousa. O sábado 8 de xullo celebrarase a XXXIV Bandeira Concello do Grove (Liga A) organizada por Amegrove. O sábado 15 de xullo Vilaxoán acolle a XXIII Bandeira Concello de Vilagarcía (Liga A e Liga Feminina). O 30 de xullo terá lugar a XIV Bandeira Concello de Rianxo (Liga A), e o 12 de agosto a XII Bandeira Concello da Pobra (Liga A),  e o 19 de agosto disputarase a III Bandeira Parquistas de Carril organizada por CR Vilaxoán, tamén da Liga A.l

“Virxe do Carme”, a traíña que dá prosperidade a CR Vilaxoán

Te puede interesar