Matías Cañón | “Na Arousa gobernan primeiro para os amigos e, despois, para o resto”

Matías Cañón | “Na Arousa gobernan primeiro para os amigos e, despois, para o resto”
Matías Cañón elixe como referente para esta entrevista a Luis Aragonés | Y.P.

Matías Cañón ten 34 anos, é veciño das Aceñas e é delineante aínda que, tras a crise da construcción, tivo que buscar alternativas laborais e volver formarse, para traballar como vixiante de seguridade. Amante do deporte, xogou ao fútbol no Céltiga durante quince anos e logo, tras sacar o curso de adestrador, preparou á base durante un lustro. Hai catro anos foi de número seis na candidatura que encabezaba seu pai, Juan José González. Agora, el asume o reto de liderar o PP na vila, nunhas eleccións nas que os tres candidatos son novos.

 

É vostede da xeración que fixo uns estudos e que se topou de fronte coa crise en canto se asomou ao mercado laboral.

É verdade que hoxe cursas uns estudos, sacas unha titulación, pero nada che garantiza que vaias traballar niso. Foi o meu caso. É un problema a nivel estatal, para o que quizais non teñamos a solución na Arousa. Nós aquí cremos que se pode botar máis unha man aos negocios locais, para crear postos de traballo. Como a hostelería, ou, a nivel hoteleiro. Non quero dicir que haxa que crear hoteis, pero si espazos que se adecúen ao entorno de A Illa, como bungalós, cabanas, campings... que xeren emprego local e que á vez permitan aloxar á xente no noso pobo.

 

Complicado o asunto do turismo en A Illa. Hai xa demasiado?

Nós vemos que o turismo agora na Arousa é complicado de frear. A Illa está de moda e visítaa moita xente. Que pasa? Que é un turismo como o que acabamos de falar: A xente non vén aloxarse aquí, senón a Cambados, a O Grove, Vilagarcía... Collen o coche, veñen aquí, pasan o día, como moito comen nun chiringuito, que está ben. Pero a xente pasa o día e vaise. Creo que hai que tratar que a xente quede aquí e merque no noso comercio. E para iso pode axudar facer cousas a nivel cultural e tamén de axenda deportiva. Ofrecer concertos, festas culturais onde se explote a esencia mariñeira e tradición... Crear ambiente que xere vida.  

 

O da mexilla pode afectarnos en votos. Pero nós xa lle dixemos ao noso partido que non estamos de acordo co decreto e  manifestámonos

 

 

Por que decide dar o paso e liderar a candidatura?

Decido dar o paso porque creo este pobo está gobernado, desde hai moitos anos, dunha forma moi partidista. Gobérnase primeiro para os amigos e, despois, para o resto. É un trato completamente parcial. Segundo quen es ti, o teu problema ten solución ou non. Dou o paso vendo esa inxustiza. A Arousa é de todos, todos temos dereito a desfrutar dela, sentir que é nosa e non só facer que sexa deses poucos que lle saltan na corda ao PSOE. Eles gobernan mirando só para os seus votantes, o resto, non existimos. Eu quero cambiar iso.

 

Os tres candidatos son novos. Pode ser este o momento do PP?

Pode ser. Pero sabemos que xogamos contra a marea. Sabemos que, ao final, BNG e PSOE van da man. E que isto non é un pacto a nivel Arousa, senón a nivel Galicia. Sabemos que se non temos a maioría absoluta non imos gobernar, porque pasará como pasou nas anteriores ocasións: Utilizarase o noso Concello como moeda de cambio por outro.

 

Nun pobo tan mariñeiro como A Illa, estando a Consellería do Mar gobernada polo PP, o conflito da mexilla, pódelle lastrar votos?

Por suposto, se a xente non sabe diferenciar que non ten que ver o municipio coa Xunta de Galicia... A nós sempre nos atacan coa Xunta, porque non hai nada máis que achacarnos, xa que aquí no pobo nós nunca gobernamos. Pode afectar? Pode. Pero nós xa lle dixemos ao noso partido que non estamos de acordo co decreto. Manifestámonos en varias ocasións. E non nos imos conformar con parches para o sector bateeiro. Nós queremos unha solución para sempre.

 

Este foi o mandato de Castelao, do Regueiro... Como ven vostedes estas actuacións?

Outro dos motivos polos que decido presentarme é porque vexo a maneira de proceder do PSOE na Arousa: Durante os tres primeiros anos deixan pasar o tempo, ‘todo está ben así’. Ata que chegan oito ou dez meses antes das municipais, que se poñen a mover o que faga falta, por terra, mar e aire, para chegar ás eleccións con algo feito. Que a xente diga: ‘Home, si, pois fixestes’.  Fan as cousas sempre pensando no plan electoral. A obra en Castelao non nos parece ben, porque provocou un empacho de tráfico no pobo. Faltou consenso cos veciños. O Regueiro era necesario, si. Pero chega vinte anos tarde. Esas obras desa entidade, un Concello non as pode asumir na súa totalidade. Hai que buscar sempre financiación dunha administración superior.

 

Pero conseguíronse subvencións da Deputación e fondos europeos.  

Pero para o Regueiro non. Iso é o que queren vender. Pero para esta praza teñen 1,7 millóns de débeda (polo préstamo que pediu o Concello). Se unha administración se fai cargo dun proxecto así, non chegas a endebedarte ata ese punto.

 

Pódenos resumir os puntos principais do seu programa?

O principal obxectivo é dotar ao municipio dun pavillón deportivo. É fundamental. Logo, unha casa da mocidade, para que os rapaces teñan onde estar, que aquí o inverno é moi longo. Queremos arranxar tamén o paseo de O Cantiño e continuar o paseo marítimo que pasa por onda a Salga, chega ao Regueiro e morre no Portiño, continuándoo: Desde o Portiño ata a Abilleira. 

 

 

Luis Aragonés, un gañador porque se atreveu a cambiar

Con anos como xogador e adestrador de fútbol, o candidato elixe a Luis Aragonés como referente para esta entrevista. “Creo que simboliza un cambio de tendencia, que é o que queremos propoñer na Arousa”. “Fixo dun equipo perdedor, sempre cheo de escusas, un gañador“. Elixe ao Sabio de Hortaleza e non a Del Bosque, porque o segundo, considera, “non tería o éxito que tivo se non fora por Aragonés”. “Os xogadores, unha vez que gañaron con Aragonés, xa creron que podían gañar”. “El foi o punto de inflexión”, “atreveuse a cambiar”, con “decisións” criticadas como “deixar fóra da Selección española a Raúl”. “Creo que é o que pasa na Arousa, que hai moita xente que non se atreve a cambiar”.

[... e mañá en O Salnés, entrevista a Luis Arosa, candidato do PSOE en A Illa]

Matías Cañón | “Na Arousa gobernan primeiro para os amigos e, despois, para o resto”

Te puede interesar