Idioma galego en movemento

Alén da mudanza climática, a manifestación “como auga de maio” di que algo chega no momento oportuno e que é agardado e benvido. A orixe desta expresión atópase no mundo rural, no ámbito agrario na que os meses de abril e maio son cruciais para as colleitas, xa que a choiva neste período é fundamental para o correcto desenvolvemento das plantacións. Sirve como metáfora para valorar a importancia que maio ten para a lingua e literatura galega, coas celebracións de gran transcendencia popular que se derivan da honra a unha das nosas autoras, mágoa que teñan que levar mortas tanto tempo atrás, e á súa vez a reivindicación doutras políticas de futuro para o idioma propio, reclamación que mobiliza á cidadanía a manifestarse nos espazos públicos do país. Todo iso, un mes máis tarde das festas do libro e la literatura infantil e xuvenil que foron no pasado abril.


Os idiomas son moito máis que meras ferramentas de comunicación; son os piares sobre os cales se erixe a identidade e a cultura dunha comunidade. Cada lingua leva consigo unha visión única do mundo e unha rica herdanza de coñecementos e tradicións. Por iso, a protección dos idiomas, especialmente aqueles de comunidades nacionais sen estado propio, é fundamental para preservar a diversidade cultural global.


Organizacións internacionais como a UNESCO recoñecen os idiomas como patrimonio inmaterial que merece ser salvagardado, tal como se reflicte nas súas múltiples declaracións e acordos. A protección lingüística é un acto de xustiza social e cultural que beneficia a toda a humanidade, enriquecendo o mosaico mundial de identidades e experiencias colectivas.


Por iso, a plataforma Queremos Galego fai un chamamento á sociedade galega para manifestarse en defensa da lingua galega, o próximo 17 de maio en Compostela,  cando están a transcorrer case vinte anos xa da aprobación, por unanimidade parlamentar, do Plan Xeral de Normalización da lingua galega, expresión dun compromiso colectivo “con 400 accións e medidas concretas que non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos”. A situación é de alerta.


Precisamos dunha política lingüística “realmente comprometida coa súa función de promover o uso, presenza e disposición do idioma”. Cun galego vivo no ensino “que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizado”, tamén nun audiovisual que garanta a oferta en versión orixinal ou subtitulada e asegure o cumprimento dos mínimos que estabelece a lei”. Idioma galego vivo na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, e tamén na pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares.


Si, porque é hora de que os gobernos asuman a súa responsabilidade legal e moral coa lingua e acompañen á sociedade que actúa e se mobiliza día a día para soster un futuro idioma galego vivo.

Idioma galego en movemento

Te puede interesar