A Laxe dos Bolos: Un santuario coa maior variedade de arte rupestre do noroeste peninsular

A Laxe dos Bolos: Un santuario coa maior variedade de arte rupestre do noroeste peninsular
Un momento da presentación do libro

Durante máis de tres mil anos, diferentes culturas elixiron unha pedra de grandes dimensións, situada no Monte Xiabre, para deixar as súas pegadas. Fixérono con tanta dedicación que, moitos séculos despois, os investigadores tiveron que esforzarse para descifralas.
 

A pedra, de máis de 35 metros de lonxitude, sitúase cara á saída do sol tras o Monte Xesteira e a investigación feita por Elena Cabrejas e Manuel Santos revela que era todo un lugar onde os antigos moradores facían voar soños, medos e desexos botando man do simbolismo..
 

Así se recolle no libro “O Santuario de Laxe dos Bolos. Cando o sol alumea a vella montaña”, no que a investigadora Elena Cabrejas Domínguez  (Incipit-CSIC) e Manuel Santos Estévez recollen o traballo feito durante dous anos no xacemento caldense.
 

A obra, promovida polo Concello de Caldas, foi presentada o venres nun concorrido acto, no que os asistentes recibiron un dos 300 exemplares que se imprimiron e que destacan desde a primeira páxina, de feito, desde a portada, polo seu coidado acabado e as ilustracións que se poden ver no interior. O libro tamén recolle o traballo de divulgación feito nos colexios ou a través dos medios de comunicación.
 

Xiabre como faro

Mentres durante séculos Caldas viviu de costas á Laxe dos Bolos, na antigüidade era o lugar en torno ao cal xiraba a vida. Así o mostra tamén a configuración dos xacementos, desde Ballotes, cunha orde ascendente, pasando por Sobreiras que, sinala Cabrejas, mostran ao santuario como destino final. Algo que da tamén conta da necesidade dunha visión conxunta do monte e o seu patrimonio rupestre, lonxe dos marcos. 
 

“O Xiabre parece un bloque enorme que nos separa. Na actualidade divide administrativamente aos concellos, pero en realidade non existía esta fronteira. Máis ben ao contrario, o monte únenos”, explica Cabrejas.
 

Laxe dos Bolos diferénciase na súa orientación do resto dos petróglifos da contorna, que miran á ría, pero tamén nos seus gravados. O santuario caldense ten “a maior variedade de motivos do noroeste da Península Ibérica”, sinala a investigadora do CSIC. Entre os gravados, un bo número de liras, “a metade das que hai en toda Europa”, sinala Cabrejas.
 

Laxe dos Bolos foi un lugar simbólico durante miles de anos e, superado o silencio, é de novo punto de chegada. Os roteiros guiados organizadas polo Concello espertan un grande interese, incluso aquelas que supoñen un madrugón. “No solsticio organizamos a correr unha visita (tiñan que darse todas as condicións). Cando cheguei alí, ás seis da mañá, había 50 persoas, que nin sequera sabían o que se ían atopar, porque era a primeira vez que se organizaba”, relata Cabrejas. Foi así como se marabillaron coa luz que xa volve a alumear o santuario. 

A Laxe dos Bolos: Un santuario coa maior variedade de arte rupestre do noroeste peninsular

Te puede interesar