O Consello Comarcal do BNG pide a César Mosquera un xiro na política da Deputación

O Consello Comarcal do BNG pide a César Mosquera un xiro na política da Deputación
Diario de Arousa-2016-02-04-003-a8e2b2f5_1

O Consello Comarcal do BNG na comarca de Arousa remitiu un escrito ao vicepresidente da Deputación, César Mosquera, no que se lle pide expresamente un xiro nas políticas que se están a levar a cabo dende a administración provincial. O documento non é “de crítica”, segundo expresou a este medio o responsable comarcal da formación, Xoán Castaño, senón unha serie de “propostas” que estarían encamiñadas a mellorar o traballo coa cidadanía e cos colectivos que se está a facer dende Pontevedra.           
     O certo é que outras fontes próximas aos nacionalistas arousáns sinalan que dende o Consello Comarcal se considera “errada” a forma de xestión que se está levando a cabo dende o bipartito do Pazo Provincial. Cren, de feito, que hai que “cambiar cousas” encamiñadas ao que “significa o modelo BNG de proximidade aos veciños e aos colectivos”.
Así pois dende o Consello Comarcal reclaman que haxa unha atención máis personalizada e máis de “ti a ti” naquelas xestións que asociacións, colectivos ou entidades deportivas e culturais poidan reclamar na Deputación. Algunhas voces sinalan ademais que solicitudes expresas de reunións con responsables do organismo provincial non foron atendidas, algo que non gusta ao modelo de funcionamento que entenden os nacionalistas arousáns que debe ser o defendido polo Bloque.
Dende o Consello Comarcal remitiron o escrito ao seu partido no goberno da Deputación, pero as “suxerencias” son extensibles ao funcionamento do bipartito conformado co Partido Socialista de Carmela Silva. De feito as competencias en diferentes materias están divididas e ben definidas no pacto que, no seu día, asinaron a propia Carmela Silva e o nacionalista César Mosquera. Un documento de catorce páxinas que recollía as inquedanzas das dúas formacións respecto do funcionamento da Deputación. A xestión desas inquedanzas é o que agora non convence ás bases do BNG en Arousa que apelan aos seus a “mudar esta fórmula errada”.

O Consello Comarcal do BNG pide a César Mosquera un xiro na política da Deputación

Te puede interesar