Imaxes que amosan o pasado e o presente do sector bateeiro e que axuden a coñecer e a entender unha actividade que a pesar de non estar a atravesar o seu mellor momento segue a ser un motor económico clave nos municipios costeiros de Galicia.
O Consello Regulador do Mexillón e en especial o seu presidente Francisco Alcalde propúxose rescatar todas aquelas fotografías, antigas e actuales, dos distintos momentos da cadena de produción, transformación e depuración para crear un arquivo histórico do sector.
A idea xurdiu co achádego de dez fotografías antigas que se atopaban no edificio do Consello e xa se deu a coñecer na revista que periodicamente publica o organismo regulador. “Aproveitamos o primeiro número da revista deste ano para dar a coñecer a idea e para animar ao sector a que colabore nesta iniciativa”, comentan no Consello Regulador. No caso de que a proposta cale e se recepcione un importante número de imaxes, pois estudaríase expoñelas ben a través da web ou ben a través dunha mostra no edificio. “Trátase de realzar a riqueza do sector e de transmitir o sentir e vivir. Unha imaxe vale máis que mil palabras”, aseguran.
Sen requisitos previos
Coa idea de que todo o mundo poida colaborar, recolleranse todas as fotografías que dalgún xeito reflicten a historia do sector. “Non imos poñer requisitos. Os que as traian en papel haberá que dixitalizalas e ver se precisan algún tipo de arranxo. En principio esta idea non ten un inicio e un final claro”, señalan dende o Consello Regulador do Mexillón.
O arquivo dá comenzo cunha decena de imaxes que reflicten o xeito de traballar tanto nas bateas como nas fábricas o mexillón. Tareas que se facían antigamente e que agora na maioría dos casos a maquinaria eliminou das cadeas de produción e transformación.
Os que queira colaborar con esta iniciativa poden enviar as fotografías por correo electrónico a info@mexillondegalicia.org ou levar as imaxes en papel ao Consello Regulador nos horarios da oficina. En ningún caso o propietario das fotografías deixa as orixinais, senón que se lles fai unha copia ou ben se escanea para o arquivo fotógrafico. Trátase da primeira vez que dende o sector se realiza unha iniciativa deste tipo que trata de potenciar a riqueza e o potencial deste colectivo.