“No noso programa non hai asfaltados. Hai ideas para unha cidade habitable”

“No noso programa non hai asfaltados. Hai ideas para unha cidade habitable”
Copia de Diario de Arousa-9999-99-99-999-53e64d90

María Villaronga (Vilagarcía, 1984) é a primeira muller da historia da capital arousá en optar á Alcaldía. Na súa figura xúntase a xuventude, é a candidata máis nova,  e a experiencia de case catro anos na oposición. Ela recolleu o legado deixado por Xosé Castro Ratón e agora aspira a recuperar o goberno para o nacionalismo na cidade que a veu nacer.

A máis nova, única muller... son moitas cousas xuntas...
Si, e para min é un orgullo. Vai parello a unha loita que levo como muller e como nacionalista. As mulleres tamén somos revolucionarias e loitadoras de por si e no BNG hai unha aposta clara pola paridade.

Dende o BNG estades botando man da militancia para sacar adiante unha campaña austera. Está respondendo ben o “formigueiro” do que vos falades?
Tanto a militancia coma os simpatizantes están traballando moito. Nós sempre estivemos a pé de rúa, non nos van os grandes aspaventos. A verdade é que temos unha  implicación total da militancia e incluso de independentes e colectivos que colaboran con nós.

Fostes un partido moi activo a nivel de contacto cos veciños... Lémbranse os cidadáns diso ou hai que volver a recordarllo en campaña?
Cando os veciños van pola rúa e te saúdan para agradecerche o traballo feito é porque algo fixeches. Nós mantemos un contacto cos colectivos ao longo de toda a lexislatura, non só en campaña, porque queremos saber se as cuestións polas que loitaches se traducen en feitos. Houbo un traballo de “formiguiñas”, como nós dicimos.  Todo o que conseguimos serviu para demostrar que a política local é posible, o que fai falla é ter vontade e ter as cousas claras sobre o que queres facer.
Veciños que colaboran na candidatura... Cómo foi o proceso de selección da lista?
Foi todo nas asambleas abertas que é algo que levamos facendo dende sempre. Estamos abertos a simpatizantes e á xente que estea disposta a escoitar o que ofrecemos. Foi nese marco no que saíron nomes. De feito a metade da lista son persoas independentes, moita xente nova...

Non foi unha tarefa fácil a de María Villaronga nos plenos. O enfrontamento con Tomás Fole era constante...
A min gústanme as cousas claras e non o doble xogo que utiliza Tomás Fole. En todo este tempo houbo descalificacións persoais, tanto hacia min como hacia compañeiros meus. Eu entendo todas as discrepancias que poidan xurdir a nivel político, pero se entramos no persoal para min non todo vale. No momento en que usas esas descalificacións no nivel persoal perdes todo o meu respeto.

Persoal e tamén político logo...
Esa forma de ser xa se evidenciou na forma de xestionar as políticas que levou a cabo. Houbo situacións nas que simplemente con mostrar un apoio público xa serviría, como con Cuca, Alfageme ou os doentes da Hepatite C. Inquina persoal? Non hai, pero tampouco existe relación de ningún tipo.

E qué hai da herdanza recibida?
Hai un dito que di que cando repites moito unha mentira se converte en verdade, non? O que di Fole respecto á xestión do bipartito noso certo non é, pero se estás durante catro anos facendo política sen iniciativa e falando desa herdanza... pois acaba callando. Se houbese realmente esa débeda da que el fala o Concello estaría intervido. A nivel de traballo, nas áreas que corresponderon ao BNG, ninguén pode discutir que se traballou moito por Vilagarcía. Quedaron no tinteiro moitos proxectos, iso si.

Hai asfaltados no programa do BNG?
(Risas) Non, non hai asfaltados. No noso programa o que hai son propostas para un modelo de cidade sostible e habitable. Iso implica medidas en diferentes áreas, dende o ensino ata ampliar zonas peonís.

Preséntase unha esquerda moi desmembrada... Non pensa que iso pode favorecer ao PP?
O ambiente na rúa é claro. Chéganos un descontento xeral coa xestión do PP. Que van acabar votando ou que non? Non o sei. Nestas eleccións hai un desencanto evidente en xeral, pero por méritos propios é maior coa dereita.

E Somos Maioría como pode influír?
O feito de que sexa unha forza nova pode ser que atraia votos. Nós o que temos claro é que a nivel de forza puramente nacionalista somos a única opción. A nós dentro do que hai non se nos pode achacar que non fomos claros ou coherentes cos nosos posicionamentos.

Todo apunta a que a próxima Alcaldía de Ravella dependerá de pactos... Está o BNG aberto ás coalicións?
Nós temos uns principios. Se non se acepta a soberanía, a defensa cultural do noso, dos sectores produtivos... non imos pasar por unha coalición. Dende logo falar de pactos con forzas que falan de crear emprego e que logo fan todo o contrario pois a cousa está difícil. Iso de todos xeitos haberá que velo segundo os resultados que se acaden e a decisión da asamblea. n

“No noso programa non hai asfaltados. Hai ideas para unha cidade habitable”

Te puede interesar