Prioridade: combater a pobreza

Nos últimos anos as sociedades galega e cambadesa experimentaron

Nos últimos anos as sociedades galega e cambadesa experimentaron un grave deterioro no seu nivel de benestar como consecuencia dunha intensa e duradeira crise económica, e das políticas antisociais aprobadas polo Partido Popular. Así, seguemos a sufrir falta de emprego e empeoramento das condicións laborais, perda de capacidade adquisitiva das persoas que traballan, deterioro no estado de saúde e nas condicións de acceso ao sistema sanitario, limitacións e retrasos na tramitación de prestacións periódicas que garantan á cidadanía a cobertura de necesidades básicas, etc. Só dous datos: segundo o Instituto Galego de Estatística, case seis de cada dez fogares galegos chegan con dificultades a fin de mes e un terzo da nosa mocidade está en risco de pobreza ou exclusión social.
O papel que xogan as administracións municipais neste contexto variou tamén de forma notable por dous motivos principais: por unha banda, o concello é a única administración que ten a capacidade de flexibilizar a súa actuación para dar unha resposta rápida e urxente ás necesidades da súa poboación, evolucionando nos últimos anos cara a atencións máis asistenciais dirixidas a apoiar á poboación na cobertura das súas necesidades básicas; por outra, o cambio no marco lexislativo limita ás funcións dos servizos sociais comunitarios, pretendendo reducir o seu enfoque a esta liña asistencialista que, sendo necesaria, non pode ser a única para poder desenvolver uns servizos sociais dirixidos a resolver problemas urxentes pero, á vez, orientados a buscar solucións e alternativas de futuro garantindo a igualdade e a xustiza social, nun marco de normalidade e de inclusión.
A día de hoxe  a situación dos servizos sociais comunitarios segue pendente de resolverse de forma estable, atopándonos nun período de transición normativa que deixa numerosas dúbidas e incertezas (fundamentalmente, por culpa da Lei 27/2013 de racionalización e sostenilibidade da Administración Local). Con todo, dende os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Cambados temos a responsabilidade de traballar e organizar os nosos recursos cunha perspectiva máis ampla e a longo prazo.
É por iso que existe a necesidade de reformular novamente o actual regulamento de medidas contra a exclusión social, dándolle un novo enfoque en positivo “pola inclusión”, reformando e adaptando as medidas que hai na actualidade ao novo contexto socioeconómico que temos no país e potenciando e incrementando todas estas medidas necesarias para unha maior e necesaria cohesión social. Ademais, deixamos a porta aberta a novas medidas que se poidan ir engadindo dende os Servizos Sociais do Concello de Cambados.
A Xunta de Goberno Local aprobou, na súa reunión anterior ao último pleno da corporación municipal do ano 2015, as bases para a concesión de axudas de emerxencia social dentro do programa básico de inserción social que, a continuación, paso a resumir.
Distínguense dentro das Axudas de Emerxencia Social dúas modalidades:
1. Axudas de Pago único, con carácter transitorio e motivado por causas excepcionais, de carácter puntual, urxente e debidamente xustificadas. Este apartado incluiría:
a) Falta de cobertura mínima das necesidades básicas de carácter persoal (alimentación,  vestido) e débedas ocasionadas por este mesmo concepto.
b) Débedas adquiridas por aluguer, hipoteca, fianza, cotas comunitarias ordinarias e aquelas que por valoración técnica se estimen necesarias no referente ao mantemento e conservación da vivenda.
c) Débedas adquiridas por gastos ocasionados por motivo do uso básico da vivenda habitual: auga, luz e gas.
d) Falta de capacidade económica para a adquisición de equipamento básico para o fogar: mobiliario e/ ou electrodomésticos de primeira necesidade.
e) Falta de capacidade económica para a adquisición de medicinas e débedas ocasionadas por este mesmo concepto, na porcentaxe non cuberta polo sistema público sanitario.ç
f) Falta de capacidade económica para o pago dun aloxamento alternativo (hostal, pensión, etc.) cando sexa imposible a permanencia da persoa no seu domicilio habitual por situación de catástrofe e/ou situación persoal, familiar, sanitaria ou social.
g) Falta de capacidade económica para afrontar os gastos para levar a cabo o desenvolvemento do proxecto de reinserción social realizado coa persoa ou unidade familiar beneficiaria incluíndo os desprazamentos encamiñados a reinserción social, laboral ou por motivos académicos formativos.
h) Outros gastos excepcionais derivados da cobertura de necesidades por outro tipo de prestación ou axuda, previa valoración técnica, tales como desprazamento de urxencia, limpeza extraordinaria en domicilio cando exista un risco sanitario, enterramentos, etc. Ou calquera outra situación que ao xuízo do persoal técnico do Departamento de Servizos Sociais encaixe no obxecto desta prestación.
2. Axudas de carácter periódico para a cobertura de necesidades básicas (alimentación, vestido e gastos farmacéuticos) unha vez ao mes, cunha duración determinada que será establecida en base ao seguimento e evolución de cada caso. 
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas ou unidades familiares de convivencia empadroadas e residentes no Concello de Cambados, cun estado de necesidade recoñecido polos Servizos Sociais Comunitarios no momento da solicitude e sempre que cumpran cos requisitos esixidos para a súa concesión.
As veciñas e os veciños que estean a sufrir necesidades básicas poden dirixirse aos Servizos Sociais do Concello, onde analizaremos o seu caso e intentaremos axudarlle da maneira máis rápida posible.  Porque, polo menos para o Goberno de Cambados, do cal estou orgullosos de formar parte, combater a pobreza é a primeira prioridade. É unha mágoa (por non dicir outra cousa...) que o Partido Popular de Feijóo e Rajoy non pensen o mesmo.
 
*Portavoz de Somos Cambados e concelleiro de Servizos Sociais.