O lado escuro

Tanto se aceptamos que o substantivo lado é a parte que con relación ao centro está situada á dereita ou á esquerda de algo ou de alguén, como se consideramos que expresa cada unha das caras opostas dun obxecto plano; e mesmo optando por algunha das outras significacións da palabra, a súa mención levará con certeza á lembranza do ámbito imaxinario popularizado pola interminable saga de ficción da Guerra das Galaxias no que predomina a simboloxía do temor que inspira o Lado Escuro da Forza. 
Atinada e oportuna metáfora para explicar os comportamentos políticos que están detrás dos dous focos de preocupación social do momento: O prezo imparábel da luz, aquí no terreo próximo á casa; e, para alén do Atlántico, as mensaxes, primeiras ordes executivas e confronto cívico desencadeado pola nova presidencia dos Estados Unidos.
Na filosofía do universo Star Wars, o Lado Escuro é o elemento aliñado cos sentimentos de maldade, odio, ira e vinganza empregados para o control, a dominación e o exterminio proxectado cara a outros.  Poder que se obtén a través de emocións, sobre todo a paixón, aínda que sexan repentinas e pasaxeiras porén que agrandan a súa dimensión e poderío. Sobre os seus seguidores exercen un control aditivo na antítese ou dicotomía co Lado Luminoso aliñado coa sabedoría, a nobreza, a paz e a xustiza. Reparemos que o Lado Escuro non é máis forte que o Luminoso, pero é máis rápido de obter, máis fácil e máis sedutor. A dinámica do tempo actual.
Mais todo non é o que semella ser. Velaí, o inicio de mandado de Donald Trump está cargado de calculada actuación; co foco de luz busca vender xestos positivos de cara a súa base electoral, defensa da industria e do emprego americano, no entanto comeza a marcar un camiño que vai na dirección contraria co desmantelamento da raquítica extensión do sistema público de asistencia sanitaria universal do seu predecesor ou con claros ataques á política medioambiental necesaria para neutralizar o evidente efecto negativo do cambio climático. Os adiviños que pensaban nunha viraxe de actitude entre o candidato barulleiro e desafiante que, unha vez investido, mudaría a unha face pragmática e moderada, xa poden ir contando coa garantía de espectáculo asegurado.
Se o lado escuro da política americana xoga co foco de luz para producir un efecto de trucaxe, facendo ver o contrario do que se fai; no ámbito próximo, co prezo da luz en orixe totalmente desbocado á suba, aquí debería falarse máis do lado ás escuras. Forza que une ás eléctricas cun goberno que aproveita o recibo para colar presión impositiva indirecta. A súa común Cosa Nostra. 

O lado escuro

Te puede interesar