A matemática das pensións

O novo fervellasverzas do discurso sobre a imperiosa reforma

O novo fervellasverzas do discurso sobre a imperiosa reforma do sistema público de pensións trae á lembranza o seu modelo de reparto baseado na orixe solidaria dos montepíos constituídos polas organizacións obreiras e populares. Por iso, estando afastado dun mecanismo financeiro de capitalización das achegas económicas coas que contribúen os traballadores en activo, directamente ou a través da cotización empresarial que non deixa de ser salario diferido; é determinante para o equilibrio que exista canto menos a mesma cantidade de entradas que de saídas. Mágoa de que as políticas laborais non faciliten ese equilibrio. Outra vía é precisa.
Consecuencia directa da reforma laboral e das medidas que foron derivándose deste feroz recorte en dereitos e prestacións para os traballadores asalariados; a precariedade que anega ao mundo do traballo caracterízase pola eventualidade e a contratación a tempo parcial con ínfimos salarios dos que se derivan as achegas económicas ao Instituto da Seguridade Social. Un déficit resultado matemático da porcentaxe sobre retribucións, moi cativas tanto na parte que corresponde ao traballador, deducida do seu salario, como na da contribución empresarial; e todo iso sen entrar a valorar determinadas reducións establecidas por acordos e decisión dos gobernos xustificadas na aplicación de medidas tendentes á creación de emprego de escaso ou nulo resultado.
Co desequilibrio que supón esta situación de máis saídas que entradas na caixa dos fondos para pensións; a parálise do goberno estatal á hora de acometer medidas que poñan coto a esta tendencia imparábel ten producido a consecuencia de acabar codas reservas que atesouraba o peto solidario nos tempos aqueles da bondade retributiva no emprego. Máis aínda, malia ter reducido a capacidade adquisitiva das persoas xubiladas e pensionistas polo camiño tramposo de impoñer anualmente un crecemento nominal que fica moi distante do encarecemento da vida, acentuado con máis saña nos servizos básicos, a entidade pública xestora das prestacións está botando man do préstamo para aboar algunhas pagas.
Chegados a este punto, o discurso da imperiosa reforma do sistema está xustificado; porén debe pór foco sobre a cuestión das novas e necesarias fontes de recursos. Non no da redución inxusta e insolidaria que é a liña habitual dos creadores de opinión. É tempo gravar ao factor non humano da produción; explorar a vía da imposición indirecta e da achega compensatoria dende o orzamento xeral. Unha ecuación alternativa no financiamento das pensións.