A ocorrencia atinada do Groucho

O mundo enteiro lembra a Groucho na conmemoración do corenta aniversario da súa morte, ao neno rosmón, Julius Henry Marx, que confesou ter “nacido a unha idade moi temperá” para rematar por se converter nun dos mitos máis sobranceiros do humor no pasado século que aínda perdura hoxe en día, tanto na iconografía da personaxe caracteriza polo mostacho pintado, as cellas marcadas, os anteollos de metal e o permanente puro habano, imaxe complementada con ese andar peculiar que resultou un éxito de raíz. Moito máis nas citas, frases e metáforas da vida social que son un manancial do que bebe o universo da comunicación actual. Súas ou atribuídas.
Detrás do fenómeno humorístico, literario, cinematográfico ou televisivo atópase unha persoa con importante grado de compromiso, na defensa da liberdade de expresión que lle custou ser investigado polo FBI na época da “caza das bruxas” ou coa súa oposición pública á guerra do Vietnam; por máis que deixara claro que “este é o meu principio, porén se non gusta teño outro”. Mais “a felicidade está feita de pequenas cousas: Un pequeno iate, unha pequena mansión, unha pequena fortuna”; obxectivo lícito dunha longa carreira no mundo do espectáculo, xunto aos seus irmáns, en diferentes etapas e con distintas produtoras, tamén en solitario, que deixaron un patrimonio de ducia e media de películas para a historia do sétimo arte. En palabras súas “non estou certo de cómo me convertín en comediante ou actor cómico. Mesmo poda que non sexa tal. En todo caso gañei a vida moi ben perante unha serie de anos facéndome pasar por un deles”. E iso que “hai moitas cousas na vida máis importantes que o diñeiro. Pero custan tanto!”.
Tempos atolados, aqueles, nos que o crac financeiro petou a súa porta; resinado á perda: “Partindo da nada cheguei á máis alta cota da miseria”. Convivencia nun ambiente perverso de homes, “desculpen que lles chame cabaleiros, pero é que non os coñezo moi ben”, deses que fan negocios inmorais nos que “a parte contratante da primeira parte é a mesma parte contratante da segunda parte”; velaí polo que “nunca formará parte dun club que acepte xente coma el mesmo”.
Memoria de época cunha parte, á relación e o papel da muller no guión do seu relatorio satírico, que non pasa o filtro do incorrecto, mesmo con construcións dun machismo simplón, lonxe dunha traxectoria de ocorrencia atinada na que “se continúas cumprindo anos, rematas por morrer”; aínda que el vive feliz nese sartego no que esqueceron rotular o seu epitafio cobizado: Perdoen, señores, que non me levante.  

A ocorrencia atinada do Groucho

Te puede interesar