En prexuízo de inventario

Dámoslle a volta á expresión “a beneficio de inventario” que, ao tempo de lembrar unha oportunista maneira utilizada no mundo editorial para adaptar ao castelán o título da obra “Sous beneficie d`inventaire” que contén sete ensaios de Marguerite Yourcenar, é unha figura xurídica que consagra o dereito de herdeiros para evitar a recepción de patrimonios con resultado de masa negativa; e dicir, que o recibido polos sucesores sexa inferior á débeda que arrastran os bens que se van herdar. A opción contraria é a aceptación pura e simple; a que leva incluído o prexuízo de inventario que pode resultar desfavorábel. Metáfora dun modelo de xestión política que acepta rescatar con diñeiro público autoestradas nas que mesmo se arrastra débeda coa facenda pública.
Porén, a punto de rematar un ano máis, é tempo de facer inventario dos grandes sucesos políticos, económicos e sociais sen entrar no detalle fino do tendeiro que rexistrará con rigor e minucioso coidado a súa existencia en mercadoría, antes de iniciar a contabilidade dun novo ano que xa está petando á porta. Así, os acontecementos vividos neste mundo planetario poderían resumirse con este ocorrente chío: “O meteorito dos dinosauros, a peste negra, a gripe española e 2016”. É posíbel que sexa algo esaxerado, certo que si, aínda así dá conta retranqueira dun período que marcará un antes e un despois na traxectoria de moitas cousas que xa non volverán a ser como foron antes. Abofé que non. Todo é relativo, claro.
Velaquí un enredo que proba a diferenza de criterio: Un filósofo, un biólogo, un físico e un matemático están a se tomar un albariño nun furancho. Ven a dúas persoas entrar no baño, e un momento despois saen tres. Impresionado, o filósofo di: “Isto que vimos non puido ocorrer. Do Non Ser non pode xurdir o Ser, porque o Non Ser non é, e o Ser é”. O biólogo mírao e di: “Non me veñas con parvadas metafísicas. Está claro que se produciu algún tipo de reprodución dentro do baño”. O físico afirma entón: “Iso si que é unha saída de ton. É evidente que a terceira persoa é un ser virtual, produto dunha flutuación cuántica do baleiro. Non vos preocupedes, que non durará moito”. Despois dun longo silencio fala o matemático: “A verdade é que non entendo a discusión. Só temos que esperar a que entre outra persoa ao baño. Entón quedará baleiro”. 
Cada quen fala da feira con lle foi nela ou irá. Inventario negativo ou positivo en 2017?. Chi lo sa. 

En prexuízo de inventario

Te puede interesar