“O último mandato de García é a etapa máis negra de Catoira”

“O último mandato de García é a etapa máis negra de Catoira”
Diario de Arousa-2015-05-12-016-44d01c44_1

Xan Castaño pelexará pola Alcaldía catoirense ao fronte do BNG. Non é a primeira vez porque xa encabezou o cartel nacionalista en 1987, pero volta como a alternativa da “transparencia e garante da igualdade de oportunidades” e baixo o convencemento de que o último mandato do Goberno socialista “é a etapa máis negra para o concello de Catoira”.

Hai 28 anos que foi candidato e agora volve a liderar a alternativa nacionalista de Catoira. Por que decidiu dar o paso?
Por motivos profesionais estiven por distintos destinos, incluído Andalucía, pero no 2002 cando definitivamente fixei a residencia en Catoira volvín formar parte das candidaturas do BNG e nos postos onde os compañeiros consideraron. Agora, é momento tan transcendental para o pobo, asumo con responsabilidade e compromiso a decisión tomada na última asemblea aberta.

Hai partidos que aseguran que a escisión do Bloque e a aparición de AGE deixou a moitos municipios cun Bloque débil e con dificultades para formar candidatura. Que ten que dicir a estas afirmacións respecto ao caso de Catoira?
O BNG leva presentándose ás municipais en Catoira dende o 1987 e de forma ininterrompida.En Catoira é un grupo consolidado e, para a nosa alegría, persoas que nunca se vincularan nas listas, neste momento dixeron “contade comigo”. Outras que menciona non teñen esa bagaxe e tampouco se presentan.

Nas anteriores municipais perdeuse un edil. Cales son as súas previsións para esta cita?
O BNG quere ser a alternativa pola que aposten as persoas que se sintan descontentas coas políticas do PSOE. É necesario un cambio, tanto nas políticas como nas formas, e nunca virá da man do PSOE e do PP. O BNG traballará defendendo os intereses dos veciños e veciñas responsablemente e onde o pobo o decida.

O PSOE leva gobernando a vila dende 1983. Como os calificaría estes 32 anos?
O último mandato de Alberto García é a etapa máis negra para o concello de Catoira. Dende o 2011 ao 2013, a débeda pasou de 1,4 millóns de euros, a 5,2. A súa viabilidade económica está en perigo e fago un chamamento ao pobo de Catoira, a todas as persoas que se sintan orgullosas de ter un concello con moitos recurso e potencialidades, a que apoien un cambio das persoas e das políticas que nos levaron a ser o segundo concello galego máis endebedado. Ademais neste mandato iniciouse a privatización dos servizos públicos (o mantemento do alumeado público). Dito de outra maneira, García regálalle os cartos dos nosos impostos a unha empresa privada, porque arruinou o concello e non ten un “can” para nada. E culmina cos incumprimentos do seu programa electoral: 40 vivendas oficiais, nin unha soa, e creación de emprego no parque empresarial, que non se ven por ningures.

En contraposición, que ofrece o BNG con Xan Castaño ao fronte?
O BNG defende a transparencia e garante as mesmas oportunidades para todos, tamén para as empresas. Non queremos que se vaia ao concello a pedir favores ao alcalde. A contratación do persoal será transparente, publicaremos trimestralmente os gastos e ingresos, apostamos por un regulamento de participación veciñal (tamén para os orzamentos) e en creación de emprego, abarataremos o solo industrial e haberá beneficios fiscais. Non cremos nos megraproxectos inútiles e faremos un plan para conectar con beirarrúas Abal e Dimo, entre outros e cos cartos aforrados en “despilfarros”, destinaremos 10.000 euros a becas de estudos. Ademais haberá reducción da taxa lixo para os que empreguen o compostaxe e un banco de vivendas construídas deshabitadas para ofertalas cun alugueiro moi barato aos mozos e mozas.

“O último mandato de García é a etapa máis negra de Catoira”

Te puede interesar