“Este traballo amosa a nosa conexión especial co público”

“Este traballo amosa a nosa conexión especial co público”
Diario de Arousa-2015-05-15-010-5412ed76_1

O grupo Treixadura presentará o seu último traballo, “Vendima tarda” no Auditorio de Vilagarcía o vindeiro domingo a partir das 20.30 horas coincidindo coa celebración das Letras Galegas e co festexo dos seus 25 anos na música.Xaquín Xesteira, músico fundador do grupo, define “Vendima tarda” como un agasallo ao seu público e como unha forma de devolver a sintonía e conexión destes anos. “Non se puido elexir unha mellor data. Estamos moi agradecidos pola elección do Concello”, apunta.

Como xurde a idea de compilar todos os éxitos musicais ao longo destes 25 anos?
Plantexámonos a gravación deste disco e DVD porque ao final de cada unha das actuacións hai unha conexión moi estreita co público. O concerto convírtese nunha festa no que o espectador participa. Por iso, decidimos que nesta ocasión o público sexa o protagonista. No disco hai temas como Fisterra ou San Amaro, moi coñecidos por todos.

Esa é a razón pola que a gravación se realizou en directo?
A gravación deste traballo tivo lugar no transcurso de dous concertos especiais, con convidados e amigos, que se celebraron no Teatro do Centro Cultural Afundación de Vigo en outubro de 2014. Está editado en CD e DVD, para que o público poda sentir tanto auditiva como visualmente a emoción que transmite a nosa música.
Hai algunha colaboración especial neste traballo?
No disco ademais do Treixadura actual tivemos a colaboración de antigos compoñentes e do coro “Cantigas e Agarimos” cos que temos unha relación moi estreita pola forma que teñen de entender a música.

Que pode agardar o espectador que acuda o domingo ao Auditorio?
O principal obxectivo é que se divirtan e que poidan sentir a música tradicional galega que facemos e que forme parte do gran coro no que se convirte a actuación. Dicía un intelectual que o son da gaita que produce nos galegos non é algo casual. Temos algo no noso ADN que fai que o noso sangue ferva co seu son.

Cal é o truco para levar vintecinco anos na música e acadar numerosos éxitos e recoñecementos?
O truco é que cando Treixadura sobe ao escenario fai o que máis  lle gusta que é tocar e cantar música tradicional. Empezamos catro persoas e agora somos quince sobre o escenario e vintedúas en total. Conseguimos poñer a música tradicional en valor con máis medios e unha posta en escena espectacular que capta a atención dos espectadores cun formato moi atractivo.

“Este traballo amosa a nosa conexión especial co público”

Te puede interesar