Cambados ante o peche do centro de saúde

Desde hai uns anos, a sanidade pública galega vén padecendo un crecente deterioro da súa calidade, como consecuencia das decisións políticas adoptadas pola Xunta de Galicia, o que se traduce na redución de médicos e de horarios, no aumento das listas de espera ou na obriga de desprazarse aos grandes centros hospitalarios para acudir a unha consulta médica ou para realizar unha proba sanitaria.
No pasado mes de marzo, a maioría absoluta do PP no Parlamento galego aprobou a eliminación da Área Sanitaria do Salnés, o que na práctica converte ao Hospital do Salnés nunha sucursal de Montecelo; polo que a partir de agora teremos que desprazarnos a Pontevedra, ou incluso a Santiago, para ser atendidos por médicos que antes nos atendían no Salnés. A eliminación da Área Sanitaria leva consigo tamén que o Centro de Saúde de Cambados conte con menos médicos, menos  persoal sanitario e menos consultas. 
Por se isto fora pouco, nos últimos días a Xunta anunciou o peche do noso Centro de Saúde durante todas as tardes dos próximos tres meses (xullo, agosto e setembro).
Como é sabido, o Centro de Saúde de Cambados dispón dun Punto de Atención Continuada (PAC) para a atención das urxencias, que non só atende ás persoas de Cambados senón tamén ás de municipios veciños. Polo tanto, o peche do Centro de Saúde vai provocar, como vén advertindo o seu persoal sanitario, unha saturación do PAC co conseguinte deterioro do servizo.
Ademais disto, o goberno municipal leva tres anos pedíndolle á Xunta que asuma os gastos de mantemento do Centro de Saúde como lle corresponde por lei. Como a Xunta non cumpre coas súas obrigas, o Concello de Cambados ten que destinar cada ano 60.000 € para que as instalacións do Centro de Saúde, utilizado tamén por pacientes doutros concellos da comarca, estean o máis dignas posible.
Por todo elo, este venres, ás 20:30 h. na Praza do Concello, todas e todos debemos manifestarnos para defender a sanidade pública e para deixarlle ben claro á Xunta que Cambados di non ao peche do noso Centro de Saúde.
 

Cambados ante o peche do centro de saúde

Te puede interesar