Centro de día: datos, feitos e unha pregunta

Desde que chegamos ao goberno municipal, a posta en funcionamento do Centro de Día é unha das nosas maiores preocupacións. Antes de que remataran as obras, puxémonos en contacto en varias ocasións coa Xunta para interesarnos por cando se podería proceder á súa apertura. A resposta por parte da administración autonómica non daba chegado, ata o punto que cando viñeron a Cambados para certificar a finalización do edificio, o 9 de novembro pasado, non tiveron nin sequera a deferencia de avisar ao Concello.
A verdade é que tiñamos algunha sospeita de que non nolo ían poñer fácil, confirmada esta cando nos os orzamentos da Xunta para 2016, na partida para Cambados relativa ás persoas maiores e dependentes, o Partido Popular só destinou 12,99 euros. Unha cantidade, a todas luces, insuficiente para poñer en marcha o Centro de Día...
Na reunión que, por fin, nos foi concedida á Alcaldesa e a este concelleiro na Consellería de Política Social, o 7 de decembro, recomendóusenos que Cambados se incorporara ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (por certo, algo que o Partido Popular de Cambados nunca fixo, tendo uns cantos anos de tempo para facelo...), e díxosenos que o Concello tería que asumir unha terceira parte dos costes de cada usuario do Centro de Día. Nós aceptamos estas condicións suxeridas pola Xunta, que, en ningún momento, nos dixo que o Concello e a Deputación tiñan que dotar de equipamento e mobiliario ao edificio. 
A solicitude de incorporación ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar chegou ao Concello o 23 de decembro. Era intención nosa levar ao seguinte pleno, o de xaneiro, dita adhesión, pero atopámonos cun informe desfavorable asinado polo Secretario e a Interventora do Concello, baseándose na Lei de Racionalidade e Sustentabilidade da Administración Local, aprobada polo Partido Popular en Madrid. Esta lei fora recorrida ante o Tribunal Constitucional, quen na súa sentencia do 8 de marzo anulábaa parcialmente e devolvíalle así aos Concellos a competencia para prestar novos servizos sociais. Foi entón, cando logo de falar de novo co Secretario e a Interventora, decidimos levar a incorporación ao Consorcio no pleno do mes de marzo. Que nos acuse agora o Partido Popular de Cambados de dilatar esa adhesión resulta ridículo, pois, repito, eles tiveron uns cantos anos para facelo e non o fixeron, mentres nós, aínda con todas as trabas legais e xurídicas atopadas, fixémolo en tres meses.
Nós cumprimos co que nos comprometemos e queremos que a Xunta cumpra tamén. Cando o Concello de Cambados lle cedeu os terreos para a construción do Centro de Día, estableceuse que, unha vez rematadas as obras, a titularidade de dita parcela volvería ser municipal. Pois ben, a Xunta aínda non nos devolveu a titularidade e nin sequera nos deu unhas chaves para poder acceder ao edificio (nin nos chamou cando eles viñeron velo).
O caso do Centro de Día de Cambados non é único. Existen unha ducia de casos similares en Galicia. O máis próximo témolo ao outro lado da nosa ría, na Pobra do Caramiñal, onde o Centro de Día foi inaugurado pola plana maior do Partido Popular o 31 de marzo do 2015, pero que, a día de hoxe, case un ano e medio despois de ter sido inaugurado, segue estando pechado. A pregunta que nos facemos é a seguinte: terán algo que que ver os resultados das eleccións locais do pasado 24 de maio de 2015 e os cambios nos gobernos municipais producidos entón co feito de que concellos como A Pobra do Caramiñal e Cambados teñan centros de día rematados pero sen funcionar? Respondan vostedes mesmos...
*Concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade de Cambados

Centro de día: datos, feitos e unha pregunta

Te puede interesar