A XUNTA E A DEFENSA DOS INTERESES GALEGOS EN BRUXELAS EN 2015

As Comunidades Autónomas españolas poden participar na elaboración das políticas europeas grazas ao Acordo de Representación das Comunidades Autónomas no Consello da Unión Europea, alcanzado no seo da Conferencia para Asuntos Relacionados coas Comunidades Europeas o nove de decembro de 2004. Seguindo este acordo, as Comunidades participan en catro das dez formacións do Consello: Agricultura e Pesca; Medio Ambiente; Educación, Mocidade, Cultura e Deporte; Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores. Dispoñen dun único representante autonómico, con rango de conselleiro, para todas as Comunidades Autónomas, que actúa sempre baixo a supervisión do ministro do Goberno español que lidera a delegación estatal. As Conferencias Sectoriais (órganos de cooperación intergobernamental entre os ministerios e as consellerías) constitúen o marco político onde as Comunidades escollen os seus representantes e as posicións comúns que deben defender en cada sesión do Consello. Estes representantes tamén participan nos correspondentes Grupos de Traballo preparatorios dos encontros ministeriais.
As Comunidades Autónomas poden participar ademais nos Comités da Comisión Europea. Para o período 2103-2017 teñen asignados 146 dos máis de 250 Comités existentes. Galicia está presente en dezasete deles. A diferenza do Consello, a Comisión non é unha institución de carácter intergobernamental. Xa que logo, non está controlada directamente polos Estados membros, que si participan no seu funcionamento a través dos comités encargados de preparar propostas, coordinar accións comúns ou xestionar políticas europeas. É nestes comités onde se expresan e defenden as posicións de cada Estado (e, polo tanto, tamén as das Comunidades Autónomas).
Galicia asumiu no segundo semestre de 2015 a representación autonómica en dúas formacións do Consello da Unión Europea: Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores, e Educación, Mocidade, Cultura e Deporte. Por iso, a Xunta desprazou tres funcionarios a Bruxelas para asistir aos Grupos de Traballo que prepararon as xuntanzas ministeriais. Para participar nestas reunións do Consello, a finais de novembro desprazáronse á capital europea os conselleiros responsables de Política Social e Mocidade, José Manuel Rey Varela, e de Educación e Cultura, Román Rodríguez.
No Comité das Rexións, órgano meramente consultivo que emite ditames para a Comisión, o Consello e o Parlamento Europeo, o máis salientable do ano 2105 foi a elección de Galicia no mes de marzo para a elaboración dun ditame sobre o futuro da acuicultura europea, do cal foi relator o Director Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller. Neste ditame, Galicia propúxolle ao Comité das Rexións “identificar os obstáculos que dificultan o bo desenvolvemento da acuicultura europea e recomendar posibles solucións”. O texto céntrase na “mellora da competitividade do sector e na sustentabilidade medioambiental”. Durante o proceso de elaboración deste ditame, Jesús Gamallo e o Director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, reuníronse a finais do mes de abril con varios grupos de interese a nivel europeo (tanto de asociacións de produtores como organizacións medioambientais) así como con altos cargos do Parlamento Europeo e da Comisión. Pero, non nos consta que se chegaran a reunir tamén con asociacións de produtores e organizacións medioambientais galegas. E sendo ámbolos dous representantes galegos, e tendo en conta a importancia da acuicultura para o noso país, non estaría de máis que o tivesen feito. O documento sobre o futuro da acuicultura europea foi aprobado por unanimidade na sesión plenaria do Comité das Rexións do pasado mes de outubro. O resto da historia xa a coñecemos, pois parece ser que este foi o documento base que utilizou a Xunta para redactar o tristemente famoso Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia.
Galicia xógase moito no seo da Unión Europea. Por iso, precisamos dunha Xunta fortemente comprometida coa defensa dos intereses galegos nas institucións europeas. Que destine recursos técnicos, humanos e económicos suficientes para estar á altura que as circunstancias nos requiren. Non se trata de visualizar a asistencia dun conselleiro a unha reunión do Consello, senón de participar activamente nos Grupos de Traballo cando nos corresponda, pois é neles onde teñen lugar boa parte das negociacións e se adoptan a grande maioría das decisións. Asemade, cómpre potenciar a nosa presenza na Comisión, mediante unha maior participación nos Comités onde se elaboran as propostas lexislativas e a través do exercicio do lobbying ante comisarios e directores xerais. 
A estas alturas, parece difícil de crer que existan galegos ou galegas que dubiden da necesaria presenza institucional de Galicia en Bruxelas, cando, a todas luces, resulta imprescindible estar na capital da Unión Europea para poder defender intereses fundamentais para a sociedade e a economía do noso país. Porén, nos últimos anos, tivemos representantes políticos da cidadanía galega que pensaron en reducir, mesmo drasticamente, a participación institucional da nosa comunidade nos asuntos europeos. Neste sentido, xa critiquei negativamente no seu momento a decisión de converter a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea en Dirección Xeral, adoptada en abril de 2009 polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Unha decisión que non aprobamos quen levamos anos agardando por un necesario forte impulso da acción exterior galega e da presenza de Galicia nas institucións europeas, e que resultou, cando menos para nós, desconcertante. A existencia desa Secretaría Xeral parécenos hoxe aínda máis necesaria. Porque somos conscientes da incuestionable importancia de dotarse de recursos humanos suficientes para coñecer de primeira man as propostas lexislativas europeas e de ter capacidade para modificalas durante o procedemento de toma de decisións que haberá de convertelas en políticas públicas que han afectar a toda a cidadanía europea, galegas e galegos incluídos. O que non pode ser é que cando nos toque ou nos deixen (como no tema da acuicultura) tiremos pedras contra o noso tellado.
*Voceiro de Somos Cambados.

A XUNTA E A DEFENSA DOS INTERESES GALEGOS EN BRUXELAS EN 2015

Te puede interesar