Galicia é terra de música e este 2025 está a demostralo sobradamente coas citas pechadas no calendario de concertos da comunidade. A axenda amósase repleta de actuacións que sitúan a comunidade na vangarda do panorama actual, sobre todo grazas a grandes eventos como O Gozo Festival ou o Morriña Festival, encadrados dentro dos Concertos do Xacobeo, o proxecto impulsado dende Turismo de Galicia e financiado dende a Xunta de Galicia.
Dentro do primeiro destes festivais, e de maneira descentralizada, a música percorre toda Galicia con concertos de grandes figuras internacionais como Franz Ferdinand, Anastacia, Lenny Kravitz, David Guetta ou Alanis Morissette.
"A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais. Proba disto é o noso apoio ao Gozo Festival unha edición máis, no marco do proxecto Concertos do Xacobeo”, sinala o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen ademais destaca que “o Gozo Festival é una cita que ofrece a posibilidade de ver en Galicia xiras internacionais de renome”.
Trátase, pois, dun evento destacado no calendario musical mundial que se consolida nesta súa terceira edición con estrelas internacionais de distintos estilos para chegar aos máis diversos públicos.
Así terceira edición do Gozo Festival comezou xa o pasado mes de febreiro co concierto que a banda Franz Ferdinand ofreceu na sala Pelícano da Coruña, mentres que, xa neste mes de marzo, o domingo 16, tivo tamén lugar, no Auditorio Mar de Vigo, o directo dunha das grandes voces femininas a nivel internacional, a estadounidense Anastacia.
A programación continúa en abril con Lenny Kravitz atronando o día 10 o Coliseum coruñés da man do Gozo Festival, e tamén dentro dos Concertos do Xacobeo impulsados e patrocinados dende a Xunta. No mesmo recinto herculino terán lugar outros dous grandes concertos no mes de xullo, con Alanis Morissette (o mércores 9) e Lionel Richie (o xoves 31).
Mentres, no verán, concretamente o 5 de xullo, chegará a banda mexicana Maná, e 6 de xullo, o gran DJ David Guetta ata o Monte do Gozo de Santiago de Compostela para mostrar por que son grandes estrelas do panorama musical mundial. E no mesmo mes e na mesma cidade, esta vez na Sala Capitol, tocarán os Bright Eyes.
Na pasada edición da cita, en 2024, máis de 75.000 persoas asistiron aos concertos de estrelas mundiais como Ed Sheeran, Maná, Bomba Estéreo, Queens of the Stone Age ou The Warning, entre outros, cun público procedente de máis de 20 países, como México, Finlandia, Brasil ou Xapón.
“É salientable o impacto turístico e económico do Gozo Festival, un evento que, espallado ao longo de todo o ano, axuda a desestacionalizar o noso turismo”, explica Merelles ao tempo que remarca “a importancia de que Galicia acolla espectáculos deste nivel, que son capaces de atraer a milleiros de persoas e que contribúen a diversificar o noso turismo nos diferentes momentos do ano” ademais de xerar emprego e gasto nas cidades que o acollen.
Unha tarefa á que tamén contribúe outra das estrelas festivaleiras do verán galego: O Morriña Festival da Coruña. Nesta edición, que terá lugar os días 25 e 26 de xullo no Porto da Coruña, da man dos Concertos do Xacobeo.
Nathy Peluso, Elena Rose, Alleh y Yorghaki, Residente, Ozuna, Jhayco, Mikel Izal, Ginebras, Pignoise, Alcalá Norte e Duncan Dhu estarán na que xa é unha das citas musicais máis relevantes da época estival na comunidade, impulsada tamén no marco dos Concertos do Xacobeo lanzados dende Turismo de Galicia.
"O evento musical da cidade coruñesa encaixa á perfección na liña estratéxica de Turismo de Galicia, consolidándose como unha das principais citas musicais do noroeste peninsular a última fin de semana do mes de xullo, cunha oferta potente de artistas internacionais e nacionais que pisan forte nas listas de escoitas do momento”, explica Merelles sobre unha cita que na edición de 2024 reuniu máis de 40.000 persoas nos terreos da dársena herculina, unha cifra pola que se aposta este ano traendo figuras de primeiro nivel como Nathy Peluso -na que será a súa única actuación en Galicia neste 2025- ou Residente -o artista con máis Grammys latinos da historia e que "contribúe, tamén, a reforzar a imaxe exterior do noso singular e rico territorio".