A Xunta convoca 300.000 euros en axudas ao audiovisual para a posta en marcha de futuras longametrases e series

A Xunta convoca 300.000 euros en axudas ao audiovisual para a posta en marcha de futuras longametrases e series

A Xunta avanza na súa política de apoio continuado ao audiovisual coa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia das bases das subvencións para o desenvolvemento de proxectos, ás que destina unha dotación de 300.000 euros co obxectivo de contribuír á posta en marcha de futuras películas en formato longametraxe e series para canles de televisión e plataformas.

 

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude segue co seu compromiso cara a este ámbito relevante e estratéxico dentro do eido das industrias culturais, a través da execución dun programa integral e continuado de apoio polo que se lles dota de financiamento ás empresas en todo o proceso audiovisual: promoción do talento na creación, preprodución, produción, difusión e comercialización. Así, durante o actual 2025, tramitaranse nove liñas específicas dirixidas ao sector cun investimento total que suma máis de 6,8 M€.

 

En concreto, as subvencións convocadas hoxe céntranse no apoio ás tarefas previas á produción de proxectos galegos de longametraxes e series tanto de ficción, como de animación ou documentais. Segundo a convocatoria, a fase de desenvolvemento refírese a todos aqueles traballos anteriores á rodaxe e relacionados co guión, asesorías ou consultarías, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación ou elaboración de materiais de promoción ou loxística para a participación en foros e mercados.

 

Prazo aberto ata o 9 de xullo

Estas axudas están dirixidas especificamente a produtoras audiovisuais independentes, que poden solicitalas a partir de mañá e ata o vindeiro 9 de xullo. Como requisitos, as empresas solicitantes deben ter cando menos un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación da convocatoria, así como un acordo ou precontrato de dirección e/ou guión para a realización das tarefas de desenvolvemento.

 

As bases establecen tamén unha porcentaxe de axuda de ata o 100% do orzamento subvencionable, cun límite de 30.000 euros para os proxectos de longametraxes de animación e de series de ficción e animación, 25.000 euros para as longas de ficción e de 20.000 euros e 15.000 euros paras as series e longametraxes documentais, respectivamente.

 

Para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, establécese un baremo de valoración que primará a promoción do novo talento e da igualdade no ámbito da creación galega, a autoría novel, a solvencia da produtora ou impacto do proxecto no sector audiovisual galego. Tamén se terán en conta outros aspectos como a orixinalidade da proposta, a súa calidade e a traxectoria do equipo responsable.

A Xunta convoca 300.000 euros en axudas ao audiovisual para a posta en marcha de futuras longametrases e series

Te puede interesar