​“Elfo” Fernández: “Eu mesmo non dou asimilado todo o que me está pasando”

​“Elfo” Fernández: “Eu mesmo non dou asimilado todo o que me está pasando”
Fernández, onte, realizando un dos seus adestramentos no entorno da praia da Compostela | mónica ferreirós

Subcampión de España de calistenia 


O vilagarcián Eloy “Elfo” Fernández, de 19 anos de idade, proclamouse recentemente subcampión de España de calistenia en Madrid. Comezou hai tan só catro anos nesta disciplina que aínda é pouco coñecida a nivel popular, o que lle conlevou nun principio sentir certo rexeitamento por parte da xente cando adestra.


Pode contarnos en que consiste a calistenia?

Non é que sexa un deporte en si senón que é un método de adestrar, utilizando o propio peso corporal. Realmente temos a calistenia na nosa vida cotiá sen darnos de conta. Unha flexión, unha dominada, unha sentadilla, todo iso é calistenia. Na miña modalidade, a tensión ou power free, fanse exercicios de forza, de manter o corpo estático, como facer unha flexión pero co corpo paralelo ó chan totalmente no aire.


Como coñeceu vostede esta disciplina e como comezou nela?

Eu estaba moi delgado, quería gañar algo de peso, poñerme en forma e verme ben. Vin un home cun corpo que me gustou e díxome que facía calistenia. Eu non escoitara iso na vida. Púxenme a buscar vídeos para ver o que era, gustoume e quixen probalo. E antes de darme de conta xa estaba enganchado e xa non era simplemente estética, era que quería continuar nisto.


Acaba de proclamarse subcampión de España. Canto tempo levaba adestrando?

Levo adestrando catro anos, pero en tema competitivo tan só un. En xullo deste ano fun ó meu primeiro Campionato de España oficial. Non esperaba chegar onde cheguei. Din absolutamente todo pero a final foi bastante disputada e levei o segundo posto.


Ademais está clasificado para o Mundial de Italia que se celebra en setembro, non si?

Así é. Eu mesmo non son capaz de asimilar todo isto. Hai un ano estaba competindo nunha competición cativa aquí en Galicia e en menos de doce meses medrei a un ritmo enorme ata o punto de chegar a competir nun Mundial.


Como afronta a cita en Italia?

Coa mente moi tranquila porque o meu maior obxectivo de vida era poder clasificarme para o Mundial, pensando que me levaría moito máis tempo. Así que agora voume poñer obxectivos algo máis grandes como facer podio ou mesmo gañar o Mundial.


Cal é a súa rutina diaria de adestramentos?

Adestro na praia cando hai bo tempo. Se chove ou vai frío vou ó ximnasio. Adestro cinco días á semana, descanso os xoves e os domingos. Fago unha media de catro horas diarias. É esixente, pero é a miña paixón.


Nota curiosidade por parte da xente que o ve adestrando?

Ó principio sentía bastante rexeitamento. Dicíanme que molestaba, que non podía estar aí, que estaba ocupando a calzada. Chegaron a querer que me fora. Intentei levalo o mellor posible, seguín, e chegou un punto no que os nenos quedaban mirando e os pais con eles e incluso hai moita xente que senta nun banco un rato a mirar. Estou bastante a agradecido con iso porque me anima moito. E máis pensando que comezou tan mal e que agora parece que a xente está cambiando de idea.


Algunha última mensaxe que queira deixar nestas páxinas?

Dicir que fago isto porque me da a vida, é o único que me enche, e animo a calquera persoa a practicar a calistenia porque é fermosa e a comunidade que a practicamos é como unha familia.

​“Elfo” Fernández: “Eu mesmo non dou asimilado todo o que me está pasando”

Te puede interesar