Fran Vieites apadriña o campus de porteiros que acollerá Pontecesures este mes

Fran Vieites apadriña o campus de porteiros que acollerá Pontecesures este mes
O xogador cesureño do Betis estivo onte na presentación do campus e firmou autógrafos, camisetas e fotos á rapazada | da

O Concello de Pontecesures vai celebrar os vindeiros 26, 27 e 28 de xuño un “Campus de Porteir@s” apadriñado polo xogador cesureño do Betis Fran Vieites. Trátase dunha iniciativa coa que o goberno local quere fomentar o deporte base e formar novos talentos aproveitando a figura do xogador, que milita agora na Primeira División e levou ao equipo andaluz ata a final da Conference League.


O campus foi presentado  no Concello coa presenza do propio porteiro, da alcaldesa Maite Tocino, o monitor deportivo Marcos Jamardo ‘Pichi’ e o tenente de alcalde Roque Araújo. Ademais, estivo presente tamén a rapazada que a esa hora tiña adestramento coa escola deportiva municipal, que ten agora mesmo 72 nenas e nenos cos que se traballa o ocio saudable e a formación en valores, “sobre todo o traballo en equipo e o respecto tanto a compañeiros como rivais”, subliñou Tocino.


“Foi ese éxito e a confianza das familias o que nos animou a emprender coa iniciativa do campus, e a intentar contar con Fran Vieites, un xogador cesureño que medrou nas propias escolas e mantén o vínculo coa vila sempre que as súas obrigas laborais llo permiten. É unha sorte e un orgullo poder contar cun veciño de tanto talento devolvendo á xente nova a formación que tamén recibiu aquí”.


Vieites mostrouse “encantado” co proxecto e atendeu a toda a rapazada asinando cromos, fotos, camisetas, zapatillas e facendo fotos con cadaquén que llo pediu. Explicou tamén o seu traballo e técnicas de adestramento como porteiro, nas que afondará en persoa o vindeiro sábado 28 directamente coas nenas e nenos participantes na iniciativa. O campus desenvolverase no campo Ramón Diéguez de Pontecesures. O obxectivo principal é que as 14 nenas e nenos adquiran as técnicas e habilidades propias da posición.
O prazo de inscrición abrese o luns ás 9 da mañá, cubríndose as 14 prazas por orde de solicitude. Poderán participar rapazas e rapaces ben da escola municipal ou de equipos da zona. 

Fran Vieites apadriña o campus de porteiros que acollerá Pontecesures este mes

Te puede interesar