A Xunta asina un acordo coa Tedae para impulsar o sector da defensa

Lorenzana apunta que este convenio está aliñado cos obxectivos da nova Estratexia Galega do Aeroespazo
A Xunta asina un acordo coa Tedae para impulsar o sector da defensa
A conselleira Lorenzana, este mércores, no momento de asinar o acordo con Tedae | Aec

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou onte a Feira Internacional de Defensa e Seguridade de España, onde asinou un memorándum de entendemento coa Asociación de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (Tedae) para promover o crecemento das empresas que en Galicia traballan neste ámbito.


En concreto, o acordo recolle que a Tedae colaborará coa Xunta para promocionar as empresas galegas nos mercados internacionais e en misións comerciais; para identificar os instrumentos de apoio máis eficaces en cada momento; para desenvolver programas formativos con entidades de referencia en Galicia e, tamén, para a coordinación de estudos de mercado e estatísticas.


Lorenzana puxo en valor este acordo “para iniciar a execución” da nova Estratexia Galega do Aeroespazo, a Seguridade e a Defensa. Unha estratexia, dixo, que busca impulsar o sector aeroespacial ligado á defensa e á seguridade, e atraer cara a este segmento de actividade empresas de sectores estratéxicos como son a automoción, o naval, o metalmecánico ou as TIC. 

 

Unha unidade especializada dentro da Oficina Económica de Galicia traballará coa entidade tecnolóxica

 

Para iso, a Xunta contempla un investimento de 183 millóns e prevé chegar a mobilizar máis de 900 en 2030 con tres eixes de actuación. O primeiro, crear un ecosistema empresarial no cal compañías tractoras colaboren con outras de menor tamaño e as axuden a entrar no sector, a través da Compra Pública Precomercial, acordos de asociación ou creando consorcios.


Tamén se prevén axudas para a incorporación ou consolidación de empresas que xa operan no sector (innovación, exportacións,...), tendo en conta que hai 140 xa dedicadas ao sector e unhas 150 con potencial para dar o salto (34 millóns). 


Finalmente, a estratexia contempla un eixe de apoios para investimentos en tecnoloxías duais (65 millóns), cun fondo específico de Xesgalicia de 40 millóns. O obxectivo é sumar 20 novas empresas neste eido, máis de 500 novos empregos e acadar incrementos nas vendas de máis do 50%.


Segundo avanzou, no marco desta estratexia crearase unha unidade especializada na Oficina Económica de Galicia que traballará coa Tedae, unha asociación moi importante porque integra máis dun cento de industrias tecnolóxicas españolas con presenza nestes eidos de actividade.


A Feira Internacional de Defensa e Seguridade de España (Feindef 2025) conta con 601 expositores –dos cales 187 son internacionais–, con 57 países representados e máis dun cento de medios de comunicación acreditados nunha feira que se celebrou durante estes días, dende o 12 de maio ata onte, en Ifema, Madrid.
Galicia ten nela unha importante representación, coa máis dunha vintena de empresas e centros tecnolóxicos dos sectores aeroespacial, da defensa e da seguridade, do naval, do metal, da automoción ou das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). 

A Xunta asina un acordo coa Tedae para impulsar o sector da defensa

Te puede interesar