O Titiriberia continúa mañá coa estrea de “O xigante barriga verde”

O Titiriberia continúa mañá coa estrea de “O xigante barriga verde”

O “Titiriberia: Festival de títeres tradicionais”, organizado pola asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello, a Xunta e a Deputación de A Coruña, celebra en Rianxo ata este domingo a súa oitava edición, cunha programación que continúa mañá na Praza do Castelo coa estrea da función “O xigante barriga verde”, coprodución do festival coa compañía Títeres Alakrán. A actuación terá lugar a partir das 12:30 horas e presenta unha singular adaptación do personaxe tradicional: Un boneco xigante que funciona como teatriño itinerante reivindica no espazo público a figura do personaxe clásico dos monicreques galegos. Percorrerá a vila a representar escenas breves desta obra que forma parte do patrimonio cultural galego.


Así mesmo, a xornada completarase con funcións a cargo do artista catalán Eudald Ferré, na praia de Tanxil ás 18:30 horas, e da compañía galega A Cova das letras, que representará o seu espectáculo “Frida, unha vida de arte”, a partir das 21:30 horas. Nesta peza porase en valor o poder transformador da arte a través do corpo en movemento, títeres e obxectos. A actriz e manipuladora Cris Collazo encarna a Frida Kahlo nesta función poética, colorida e con moita vida.

O Titiriberia continúa mañá coa estrea de “O xigante barriga verde”

Te puede interesar