A aplicación móbil de acceso intelixente á biblioteca de A Illa supera xa os cen usuarios e o tenente de alcalde, Manuel Suárez, en vista do “éxito” da app, anuncia que tamén será empregada no local da mocidade e noutras dependencias municipais. Trátase dunha aplicación que permite entrar nas instalacións de maneira autónoma, abrindo a pechadura electrónica dende o móbil, calquera dos 365 días do ano e que é utilizada sobre todo por estudantes que preparan exames.
A ferramenta activouse na primavera do ano pasado en fase de probas e, paulatinamente, foi medrando o horario de apertura dispoñible, ata chegar ao actual, de 8 a 23 horas, todos os días do ano.
A app require un rexistro previo e a firma dun compromiso de uso axeitado. Unha vez a persoa usuaria está rexistrada, só ten que descargar a aplicación no seu móbil e, cando o precise, facer unha reserva das horas nas que quere estar na biblioteca. Unha vez na porta de entrada, só hai que pulsar o botón de apertura existente na aplicación e a pechadura da biblioteca abre automaticamente.
Suárez valora que esta ferramenta permite ao Concello prestar un servizo á veciñanza sen necesidade de persoal permanente nas instalacións, “algo que sería insostible para un concello do noso tamaño”. O investimento municipal neste sistema ascendeu a uns 6.000 euros, cuns mil anuais para o mantemento, unhas cifras, sinala Suárez, que “están xa totalmente amortizadas”.
Para realizar altas no sistema, atender calquera necesidade, lanzar avisos e comunicarse coas persoas usuarias, o Concello ten aberto ademais un grupo de WhatsApp xestionado dende a Concellería de Servizos.