Luis López | “Vilagarcía será o concello que máis se beneficie do plan de infraestruturas deportivas da Deputación”

Luis López | “Vilagarcía será o concello que máis se beneficie do plan de infraestruturas deportivas da Deputación”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, na entrevista na redacción de Diario de Arousa | Gonzalo Salgado

Ten esa naturalidade no trato que fai que o cargo non supuña unha barreira para afabilidade. Mantén a curiosidade de quen ten ansias de saber e confésase ser deses deportistas que lle dan moita importancia ao chamado terceiro tempo, o de compartir refrescos cos amigos mentres aparecen as primeiras maniotas. O presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Luis López Diéguez (Rodeiro, 1978), debulla en Diario de Arousa as súas liñas de goberno que pasan, en todo caso, por dar protagonismo aos alcaldes.  

 

Vostede foi moi crítico co anterior goberno provincial despois de tomar posesión, tan mal estaba a cousa?
Unha vez que tomamos posesión, o que nos preocupaba era a situación económica ao vir dun periodo electoral e notamos que había un elevado gasto que non se daba en anos anteriores. Entón, o que fixemos foi facer unha avaliación interna e ao coñecer os datos comprobamos que o que nun principio eran deducións mudaron en realidades, cun gasto desmesurado nalgunhas partidas.

De verdade non había cartos na caixa?
Cando digo isto falo do gasto corrente e das partidas e iso non ten que ver coa mensaxe de que hai moita liquidez, porque nas administracións non é así ao estar suxeitas a un orzamento dividido en partidas que estaban esgotadas e a esas alturas do ano non é común. De feito, tivemos que facer de inmediato unhas modificacións de crédito para atender necesidades imperiosas como no campo de fútbol do Príncipe Felipe de Pontevedra, que é da Deputación, e no outono non había nin alumeado.

 

Que cambiou nestes meses na Deputación? 
Nós non somos deses que chegan a unha administración e din iso de que todo o que hai non nos vale. Entendemos que hai que dar continuidade ao que está ben e o que é susceptible de mellora debemos darlle os cambios oportunos. E iso foi o que viñemos facendo, sobre todo no fondo e nas formas.

 

Eran malas, entón?
Xa antes entendiamos que as formas non eran as axeitadas e agora co paso do tempo, despois de falar con alcaldes e alcaldesas e colectivos ese sectarismo que había quedou nun recuncho e xa forma parte do pasado. Nós, independentemente da cor política, tratamos a todos por igual e iso o demostra o feito de que viñera a Vilagarcía a facer a miña segunda visita institucional despois da de Pontevedra.

 

Os cambios tamén afectaron á imaxe institucional cun novo logotipo que foi moi contestado no seu día.
A imaxe é importante e o que fixemos foi buscar unha que servira para moitos anos. Aí non aparece ningunha cor que poida ser vinculada a ningún partido político, nin o azul do PP nin o vermello do PP. E tamén reflexamos as tres pontes coas que está conectada a provincia e nós entendemos que hai que tender pontes coas administracións e cos veciños.

 

Que parte dos orzamentos van para O Salnés? 
Son os orzamentos máis municipalistas da historia da Deputación. Un de cada tres euros van a parar aos concellos e como punto de partida vai beneficiar ao Salnés. Neste punto teño que dicir que en cen días fomos quen de incrementar, incluso máis que o anterior goberno, o noso plan + Provincia, con 4,2 millóns máis o que nos leva a un total de 48,2 millóns para ese plan de obras e servizos.

 

E cales son as liñas básicas dese investimento?
Os concellos terán catro opcións que son gasto corrente, emprego, inversión e proxectos transformadores de futuro para que cando chegue o momento, no primeiro trimestre do ano, poidan concurrir a axudas das diversas administracións. Tamén daremos moita importancia ao deporte e, por exemplo, o Concello de Vilagarcía será o que máis se beneficie deste plan de infraestruturas deportivas que poremos en marcha.

 

Hai previstas accións de promoción turística, un sector en alza na comarca do Salnés? 
Si, e demóstrase cunha suba real de máis de 1,1 millóns de euros nesta partida orzamentaria. Entendemos que aínda non tocamos teito cun sesenta por cento de visitantes nacionais e un corenta internacional e nós queremos ir a ese nicho, máxime cando vemos que Pontevedra é o destino máis buscado cando un turista estranxeiro quere vir a España.

 

Cales son os principais produtos turísticos que ten previsto promocionar? 
Estamos facendo un esforzo enorme en posicionamento e coa presenza en diferentes feiras para estar presentes no mercado e no que se refire ao Salnés, o viño xoga un papel clave polo que imos a desenvolver diferentes proxectos en torno ao enoturismo, que será o fío condutor para que nos veña a visitar moita máis xente ao longo de todo o ano.

 

Hai concellos que descoñecen o investimento que van ter da Deputación para ultimar os seus orzamentos, cando o saberán?
Sobre eses concellos que din que non poden elaborar os orzamentos porque non coñecen a achega da Deputación, teño que manifestar que é unha escusa porque por esa regra de tres a Deputación non tería presuposto e a Xunta tampouco porque o Estado non nos dixo canto nos ía a dar.

 

Cando se anunciará esa achega? 
Na primeira semana de xaneiro trasladaremos a cantidade que lle corresponde a cada concello. Houbo unha suba no Plan +Provincia, polo que verán incrementada a contía da Deputación para realizar proxectos en materia de emprego e contratación, gasto corrente e para investimento e como somos un goberno municipalista, cada un deles terá marxe de maniobra para atender as demandas dos seus veciños.

 

Nesta rolda de visitas aos alcaldes, en que coinciden á hora de demandar accións á Deputación?
O que primeiro fan é aplaudir o incremento contemplado no Plan +Provincia, tras a presentación das súas liñas básicas no mes de outubro, e logo moitas das peticións teñen que ver coa mellora dos viais provinciais que atravesan as súas localidades.

 

No goberno anterior de Carmela Silva había unha aposta clara pola igualdade, vanse a manter esas políticas?
Antes non había aposta pola igualdade, o que fixeron foi converter a igualdade nunha plataforma para o lanzamento político dunha presidenta, polo que son cousas totalmente diferentes. Nós, loxicamente, facemos unha aposta importante pola igualdade transversal que nunca imos a utilizar como ferramenta de confrontación política.

 

Haberá adianto electoral nas autonómicas? Xa está a traballar na confección das listas?
Iso correspóndelle ao presidente Rueda. Son as súas eleccións e aquí cadaún fai as súas listas. A min non me consta nada dese adianto do que falan, só o sabe el.

 

En todo caso, está o PP de Pontevedra preparado? 
Nas últimas citas electorais estamos tendo un claro incremento de apoios. Porcentualmente subimos nas municipais e nas xerais e a tendencia que se percibe na rúa é boa e cando digo boa é que podemos mellorar os resultados do ano vinte, que xa foron bos de por si.

 

Que análise fai da situación política na Mancomunidade do Salnés? 
É un claro exemplo dos gobernos que se constitúen sen pensar nos veciños onde ser articulan unha serie de operacións só para que o PP non goberne e o que vemos é que salta polos aires a súa gobernabilidade con discusións entre socios por cuestións como as indemnizacións por plenos. Iso roza o esperpento e desde o PP pedímoslles que se centren en gobernar.

 

Hai negociacións para mudar o goberno da Mancomunidade?
A día de hoxe, non. 

 

“A aposta por Ana Granja en Vilagarcía foi un acerto total mentres en Cambados hai unha parálise completa”

 

Luis López coñece á perfección as necesidades da comarca do Salnés, coa que ten vencellos directos. Lamenta a “parálise” de goberno en Cambados, aplaude o éxito do PP de Vilagarcía con Ana Granja e confía en que o conflito dos bombeiros poida ter unha solución consensuada o antes posible.

 

Participaría a Deputación nunha hipotética compra do Asilo de Cambados? 
É difícil de entender que teña un prezo de entrada de 3,5 millóns de euros que é superior ao que custou Santa Clara, en Pontevedra, e falamos dunha edificación con máis superficie e cuns xardíns no centro da cidade. Unha vez dito isto, o Concello ten que mover ficha se ten interese en que ese inmoble sexa de titularidade municipal.

E cal é a ficha que ten que mover?
Terán que negociar, sei que algo si houbo, e en base a iso ir a unha captación de fondos.

 

E a apertura das pousadas para cando?
Son un gran proxecto para O Salnés que quedou metido nun caixón durante o anterior goberno polo simple feito de que era unha iniciativa do PP. Entendo que aí temos un enorme potencial, polo que imos a darlle unha volta e poñelas en valor. Agora estamos valorando diversas fórmulas, sobre todo nas de Ribadumia e de Meaño para que poidan abrir.

 

A solución ao deterioro da ponte interprovincial pasa porque a Xunta asumas as competencias? 
Se hai problemas estruturais o que temos que facer é atallar o problema máis alá de entrar nos temas de competencias. O sentido común indica que debemos atopar unha solución porque hai bo entendemento tanto coa Deputación da Coruña como coa Xunta.

Os bombeiros están incendiados, hay posibilidade de apagar o lume en breve?
As catro deputacións, dúas do PP e dúas do PSOE, estamos dacordo no plantexamento que temos neste conflito. Debo dicir que eles están lexitimados para reivindicar e plantexar mobilizacións como a da folga, pero acabamos de facerlles unha proposta que inclúe unha suba salarial do dez por cento, redución de días traballados e a posibilidade de incrementar persoal nos catro parques comarcais da nosa provincia.

 

Semella que esas melloras non son suficientes para eles, non?
Fixemos todas estas propostas e eles tiveron a ben dicir que non eran suficientes e nesas estamos. O que si faremos sempre e tender a man para tratar de chegar a acordos. Sobre as mobilizacións recoñezo que son cousas que van co cargo porque é un problema no que temos que traballar para chegar a acordos.

 

Saíu ben a aposta por Ana Granja en Vilagarcía… 
Foi un acerto total. Hai case un ano comezamos un proceso despois dun tempo convulso cun candidato que despois renunciou. Trala escoita e a proposta de candidatos e candidatas, a elección que fixo a agrupación local foi magnífica para que o partido chegara máis unido que nunca aos comicios de maio e cun proxecto claro para Vilagarcía e iso reflectiuse nos resultados, onde non só se lle quitou a maioría absoluta a Varela, senón que fomos a lista máis votada.

 

Cambados repite cuatripartito, por que foi imposible o acordo con Pode?
A niña filosofía é que sexan as agrupacións locais as que decidan porque son as que coñecen a realidade. En Cambados, a dirección provincial estivo informada en todo momento, pero foron eles os encargados de intentar goberno cun partido ao que só lle faltaba un concelleiro para ter maioría absoluta. Dese xeito habería unha estabilidade que agora non hai e xa foi significativo que foi o último goberno da provincia en constituírse. Quen paga isto son os veciños, porque nestes primeiros meses de mandato hai unha parálise completa onde todos están á expensas do que diga o concelleiro de Pode. Por todo isto non auguro uns anos doados en canto a transformación do Concello.

Luis López | “Vilagarcía será o concello que máis se beneficie do plan de infraestruturas deportivas da Deputación”

Te puede interesar