Mónica Vila Ferreirós | “Para que unha foto trascenda, ten que ter universalidade”

A vilanovesa Mónica Vila Ferreirós, fotoxornalista en Diario de Arousa, gañou o primeiro premio do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís, convocado polo Concello de Carballo. É o sexto premio que recolle desde o pasado mes de decembro
Mónica Vila Ferreirós | “Para que unha  foto trascenda, ten que ter universalidade”
“Pura e Herminia”, imaxe tomada no Barbanza hai 10 anos, que cativou agora ao xurado | Mónica Ferreirós

A fotógrafa vilanovesa Mónica Vila Ferreirós vén de ser galardoada co primeiro premio do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís, que convoca anualmente o Concello de Carballo, que alcanza a súa XXVI edición e que está dotado con 1.500 euros e diploma. A fotoxornalista de Diario de Arousa suma un novo recoñecemento á ducia que integra o seu palmarés. Acostumada a estar sempre dese lado do obxectivo, prefire tamén amosar aquí a obra, en lugar da faciana da autora.

 

Pero, entón, non ten nin un pouquiño de ego polo premio gañado?
Mentiría se che dixera que non. Pero non é o meu obxectivo. Evidentemente senta moi ben que che digan que o teu traballo gusta. E sei que non é fácil participar nestes concursos, porque se presenta moita xente e hai moito nivel. Pero, xusto por iso,  independentemente de que a túa foto che guste, cando gañas hai un factor sorte: Ten que coincidir que ao xurado lle guste. Eu teño mandado fotos a varios sitios e funcionar ben nalgúns lados e noutros non.

 

Pero un premio non se gaña todos os días. E no seu caso...
...neste trimestre levo tres, si. E, desde decembro, este é o sexto. Si, deuse moi ben este ano. Normalmente non gaño tanto, pero é certo que o intento.

 

Concorre entón normalmente a certames fotográficos?
Si. Concursos como este, dotados economicamente, son un aporte máis para os fotógrafos. Hai que pensar como está o mercado para os equipos, son caros. Así que, moitas veces, estes premios axudan a renovar as ferramentas coas que traballamos. Neste senso, é de agradecer que as administracións sigan a soster concursos importantes, fotográficos ou literarios, por exemplo, nos que hai un traballo, un esforzo detrás para poder presentar unha obra. A dotación económica, ao final, é un incentivo e unha recompensa a ese esforzo.

 

No seu caso, como prepara a fotografía que presenta a un certame?
Ou fago fotos a propósito pensando no concurso, ou ben rescato imaxes de arquivo, tomadas para  prensa pero que, no seu momento, non chegaron a publicarse.

 

Que coido que é o que ocorreu con esta foto gañadora.
Si. Foi unha fotografía que fixen hai dez anos, para prensa. Pedíranme relacionar novas tecnoloxías e maiores. Pasáronme o contacto dunhas centenarias que vivían xuntas, entre Boiro e Ribeira, Pura e Herminia. Alá fun, ensineilles como se facía un selfie cun Iphone e tomamos esta imaxe, sentadas na cama. É unha desas fotos que logo non se chegan a publicar.

 

Hoxe que todo o mundo ten móbil con cámara, redes, e onde cada día un ve centos de imaxes: que ten que ter unha fotografía para que trascenda? 
Eu penso que ten que haber algo de universalidade, que todo o mundo, dá igual que idioma fale, onde viva, independentemente do seu contexto social; entenda o tema. Hai imaxes que teñen iso. Outra cousa son os concursos. Iso é outro mundo. Porque hai un grupo de persoas que elixen baixo os seus criterios, gustos e experiencias. Pero a universalidade, chega. Por exemplo, a foto gañadora do World Press Photo deste ano, é unha maternidade. En Gaza, si, incluso vencellada á relixión, ao conflito... Pero non é casualidade que, independentemente do tema de Gaza, xusto gañe unha foto deste tipo, e non é a primeira vez. Ao final nin sequera recoñeces un rostro, só a figura, a universalidade do tema.

 

Agora tamén está aí a intelixencia artificial (IA), creando imaxes de todo tipo. Ten que volver reinventarse o fotógrafo?
A IA ten que ser unha ferramenta, pero no eido artístico. Aí pódense facer cousas marabillosas, a xeito de ilustración. Outra cousa é o fotoxornalismo: A IA non se pode empregar como sustituto da realidade. E algunha vez xa se ten feito. Ese é o perigo. A IA non é unha ameaza por si mesma, o problema é como se use. Ao final, eu quero crer na honestidade. E coido que este escenario que chega reforza aínda máis aos fotoxornalistas, aos xornalistas e aos medios de comunicación, como garantes de que a imaxe que se presenta aquí e a información son reais. Iso é o que temos que garantir nos medios serios: Profesionais que actúen como notarios. 

Mónica Vila Ferreirós | “Para que unha foto trascenda, ten que ter universalidade”

Te puede interesar