A asociación cultural e deportiva (ACD) Dorna volve liderar a organización dos actos con motivo do Día das Letras Galegas en A Illa de Arousa. A cita deste vindeiro sábado terá música, embarcacións tradicionais, pregón e ata un espectáculo de circo.
A festa comeza este mesmo día 17, a partires das doce do mediodía, cun pasarrúas que irá desde a Escola de Pau ata a céntrica Praza de O Regueiro, onde haberá unha actuación e outro posterior pasarrúas ata o porto de O Xufre.
Alí, na zona portuaria, terá lugar a lectura do pregón, que dará paso á botadura das embarcacións, que inaugura a tempada de navegación de barcos tradicionais nesta localidade insular.
Pola tarde, haberá máis actividades. A partir das 18 horas organízase un pasarrúas infantil, desde a Escola de Pau ata a Praza de O Regueiro cos Troula e, a continuación, o espectáculo de Circo Krasnovarak.
Durante a xornada, ademais, haberá agasallos conmemorativos para os cativos e cantos populares do Grupo de Música de Dorna.
En canto ao espectáculo circense, preséntase cun personaxe, “Nika”, que “chega puntual, coma sempre, ó punto de quedada, o sitio onde tiña que estar montada a carpa do Gran Circo Krasnovarak”. Alí descobre que non hai carpa, nin tampouco está Pepo o paiaso, nin os irmáns trapecistas. “Non hai ninguén”. “Ao rato aparece Igor, o director e domador do circo, e resulta que temos un problema maior, os animais do circo andan perdidos pola cidade” e “haberá que saír a buscalos”.
Así se plantexa un show que prevé causar risos especialmente entre os máis pequenos, pero nunha actuación pensada para un público familiar.
Desde o Concello animan a todos os veciños a sumarse aos actos e desfrutar deste día festivo e das actividades programadas, tanto de mañá como de tarde.