Samuel Lago: “Rexeitei ser candidato en Muxía porque non tiña sentido: a miña vida estaba aquí, Cambados é o meu lugar”

Samuel Lago: “Rexeitei ser candidato en Muxía porque non tiña sentido: a miña vida estaba aquí, Cambados é o meu lugar”
O alcalde de Cambados, o socialista Samuel Lago, posa ante a mesa de traballo que ocupa dende hai algo máis dunha semana como novo rexedor | gonzalo salgado

Samuel Lago Ozón (1979) foi unha cara nova na política cambadesa no 2019, pero xa había moito tempo que a capital do albariño era o epicentro da súa vida persoal e profesional. Nela formou a súa familia, crecen os seus fillos e nela ten desenrolado o seu labor como enxeñeiro técnico agrícola do sindicato Unións Agrarias, co que isto significa na comarca vinícola máis importante da DO Rías Baixas. En definitiva, e como el mesmo di: “Este é o meu lugar”. Por que hai quen amosa sorpresa cando descobre que o flamante alcalde de Cambados estaba chamado a selo de Muxía, a súa vila natal e onde sumou a gran parte dos seus case 19 anos de traxectoria política. Non obstante, o socialista asegura que non foi unha estratexia: a súa antecesora renunciou por motivos de saúde e, el, como número dous aceptou o reto para rematar o mandato xunto cos socios de Somos. Seguirá levando tamén Obras e Servizos e xan ten establecido un sistema de atención aos veciños presencial e con cita para os luns, mércores e xoves, de 8:30 a 15 horas, reservando unha tarde á semana para colectivos e o resto de días realizará saídas de campo.


Acaba de entrar na súa segunda semana como alcalde. Un cambio radical, non?

Claro, non é o mesmo que estar en segunda liña. Xa tiven bastantes reunións institucionais porque quixen empezar forte, darme a coñecer en todos os sitios e plantexar antigas reivindicacións e algunha nova. Quero aproveitar este ano e medio para dar un impulso porque o mandato é como unha carreira de fondo e agora entramos no “sprint” final.


Xa viñeron moitos veciños a coñecer en persoa ao novo alcalde? Que tal o están recibindo?

Moi ben e dinme que parezo máis mozo que nas fotos (ri). Bromas á parte, en xeral plantexan problemas razoables e algúns que te preguntas: como non se solucionaron antes? E non me refiro á miña antecesora, se non a temas moi vellos. A xente precisa ser escoitada e trataremos de darlle solucións.


É difícil dicirlles que non?

Custa e sabes que pasa, que a lei é legal pero non sempre é xusta. Incongruencias entre leis, excesivas proteccións, catalogacións erróneas… Entón, ás veces, resulta difícil que o entendan.


Aquí poderiamos incluír a grave situación do campo de Castrelo.

Si e ten que haber unha fórmula para mantelo. Entendemos que non nos permitan facer novas obras, pero si de mantemento para seguir co uso da instalación deportiva porque iniciouse antes da entrada en vigor da actual Lei de Costas, hai imaxes áreas. A planimetría xa está terminada e plantexaremos a cuestión na reunión que vou solicitar con Costas para este e outros asuntos.


Falando de instalacións deportivas, a oposición quéixase de falta de espazos para a práctica non profesional nin federada.

Adiántoche que temos varios proxectos en redacción e que darán un impulso a isto. En Torrado, onde estaba o biosaludable, imos crear un campo de fútbol 3 pechado e os aparatos, que xa restauramos, os redistribuiremos polo parque; no Pombal construiremos unha pista de skate co Plan Concellos e cunha pequena inversión teremos unha pista de futbito e basket na nave que está detrás do centro social de Oubiña, que está en desuso. Ademais, en Burgáns imos cambiar o marcador e repararemos a cuberta e estamos mirando o cambio da herba do campo grande do Pombal. Precisa dunha renovación, pero temos o problema da financiación porque só a herba, sen obras de drenaxe ou doutro tipo, pode chegar aos 100.000 euros. Temos que buscar.


Como prioridade anunciaba un gran proxecto de servizos básicos. En que consistirá?

Será a prioridade máis que as grandes obras, así que no Plan Concellos deste ano haberá dous grandes proxectos. Un para mellora e dotación de acceso rodado a vivendas e outro de saneamento complementario co consensuado e que financiará Augas de Galicia. O obxectivo é chegar a casas sen servizo e onde hai rede facela separativa porque o gran problema que temos é que a maior parte das rúas teñen unitaria e isto provoca problemas na EDAR, de verquidos…Tamén teño en mente proxectos de gran calado como a reforma da Avenida da Pastora. É moi importante porque é zona de tránsito de pais e nenos da escola e da gardería, o tanatorio, Santa Mariña, o Museo…. Queremos aproveitar o carril central para vehículos, dotala de beirrarúas e de separativa e soterrar a liña eléctrica. As primeiras estimacións son de medio millón de euros así que buscaremos fondos europeos porque é imposible executala con propios.


Ten por diante ano e medio, daralle tempo a outras actuacións que teña en mente?

Efectivamente ao mellor non dá tempo a executalos pero gustaríame deixar plantexadas cuestións como a circunvalación de Cambados –xa temos pedida a reunión coa conselleira para falalo–, o cuartel, a praza de abastos...


Veremos empezar as obras da nova praza neste mandato?

Creo que si, polo menos teñen que estar as autorización porque estamos nos últimos trámites. O máis difícil, a modificación da Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios (DEUP) e o Plan Especial de Ordenación de Portos, xa se fixo e a financiación está comprometida. Non descartamos recurrir a fondos europeos porque probablemente sexa máis ventaxoso para todas as administracións implicadas e se non fora posible, sempre temos o plan inicial.


Foi un dos conseguidores dunha demanda histórica: o novo cuartel. Que máis destacaría destes case tres anos como concelleiro de Obras e Servizos?

Logramos xestionar os fondos recibidos, principalmente da Deputación, dunha maneira diría que racional, buscando dotar á poboación de servizos básicos máis que facer grandes obras que agotaran case todos os cartos. Tamén estou moi satisfeito do feito en medio ambiente. Logramos unha axuda importante de fondos europeos a través da Xunta coa cal triplicamos o esforzo en compostaxe (pasamos de dous a sete composteiros comunitarios); puxemos a funcionar o sistema de recollida de biorresiduos porta a porta para grandes produtores, que foi pioneiro e está funcionando moi ben, e logramos desbloquear o contrato do lixo, que supuxo unha mellora tremenda.


Que plans ten para o Albariño?

A miña opinión é recuperar a normalidade se non ao cen por cen, na medida do posible. Esta semana estiven falando co concelleiro de Cultura, Tino Cordal, que xa ten avanzado o cartel e estamos mirando de facela máis dilatada no tempo e quizais máis redistribuida no pobo para evitar aglomeracións. Confío en que esta sexta ola si sexa a definitiva e creo que as medidas restritivas e de aforos irán tendendo a desaparecer.


E habería entendemento co Capítulo Serenísimo do Albariño?

Estou disposto a sentarme a falar con todo o mundo. De feito, teño pendente unha reunión co Consello Regulador da DO Rías Baixas e co Capítulo tamén contactaremos e miraremos a forma de, dalgunha maneira, colaborar.


Hai algunha liña vermella para o acto de nomeamento de Donas e Cabaleiros?

Nós pretendemos que sexa un acto aberto, visible, no que todo o mundo poida participar, aínda que sexa con aforo, e se é así, contarán con nós. O que non queremos é que sexa algo pechado e elitista.


O problema do Salón Peña é unha preocupación para os veciños. Cre que é posible unha solución para que o Concello recupere o pleno uso, como facía antes?

Eu e o concelleiro Xurxo Charlín acudiremos a unha xuntanza con Portos para abordar temas pendentes como a concesión de uso do salón, que xa está pedida. Eu entendo que agora que está modificada a DEUP e o Plan Especial, se hai vontade por parte de Portos, pódense recuperar os usos, seguramente con limitacións para actividades económicas pero para o resto de actividades si.


Pero había problemas con actividades que cobraban entrada porque xeraban un lucro, cre que serán posibles?

Pode haber algunha como o mercado das flores que teña máis difícil encaixe, pero falamos de que se facían moitas outras que non eran actividades económicas propiamente ditas se non promocionais, nas que se cobraba unha entrada si, pero era un beneficio económico residual realmente destinado a financialas e cubrir gastos, como o Túnel do Viño.


De que outros temas falarán nesa reunión con Portos? O mantemento do paseo estará no listado?

A exalcaldesa xa tivo unha conversa coa presidenta sobre este asunto porque o tratamento do picudo nas palmeiras é insostible económicamente e dende o punto de vista medio ambiental. Require moitos tratamentos dun insecticida nunha zona moi transitada por xente e tampouco hai unha efectividade do cen por cen porque todos os anos caeu algunha. Así que lle plantexaremos un convenio para cofinanciar o trasplante por palmeiras resistentes á praga, para que o paseo manteña o aspecto actual, ou por outro tipo de árbores como camelios, que sería unha imaxe totalmente diferente pero non fea. Cabe recordar que temos premios de Vila en Flor e pola camelia estamos irmandados con Celorico de Basto. Temos que valorar as dúas opcións.


Non renuncia ás liberacións para o resto de concelleiros e falará co BNG. Que lle ofrecerá para conseguir o seu apoio?

Formar agora un tripartito co BNG no lle interesa nin a eles nin a nós; non ten moita lóxica neste momento porque o goberno está na súa recta final, rodando. Pero si lle plantexarei acordos políticos. Creo que moitas veces estamos dicindo o mesmo nos medios pero de diferente maneira, que estamos de acordo nas grandes liñas de dirección porque estou seguro de que, como nós, plantexan un goberno progresista, galeguista e feminista. E logo hai que baixar ao concreto e podemos pactar inversión e actuacións sobre todo nas áreas nas que sempre mostraron máis sensibilidade como poden ser medio ambiente e educación e, de feito, xa o estamos facendo. A inversión nos colexios triplicouse e mira todos os logros en medio ambiente, así que penso que o entendemento é posible. Nas próximas semanas chamarei ao seu voceiro para sentarnos porque o ideal sería ter algo definitivo nestes dous meses anteriores ao próximo pleno.


Chegouse un pouco a esta situación pola negociación do 2019 e a súa antecesora comentou que vistas as consecuencias negativas para os veciños non a faría igual. Pensa o mesmo?

Creo que os veciños finalmente non o notaron porque fixemos todo o posible para que a súa atención e a acción do goberno non se resentirán, pero para nós si que tivo repercusións. Tivemos que sacrificar moito e foi moi, moi complicado, e o está sendo. A miña situación cambia agora porque teño liberación pero nestes tres anos eu tiña o meu traballo a tempo completo e que ás veces esixía máis, logo ás horas que lle dedicas á concellería, teño dous fillos pequenos… Francamente, o día non me chegaba. Tiñamos que multiplicarnos, atender aos veciños a deshoras, domingos… E no tema da negociación… Evidentemente temos que facer autocrítica. Ben de todo non o fixemos porque se tería chegado a un acordo, pero si fixemos todo o posible e había unha verdadeira votande para que o BNG entrase no goberno. O que se lle ofreceu era xusto e teño a sensación, aínda que eles o negan e será verdade, pero é a miña sensación, de que non querían entrar, preferiron facer oposición.


E falaría co PP e Pode do tema dos salarios?

Non descarto falar con ninguén.


Está pendente unha reorganización de áreas porque os socios de Somos non estaban contentos con algúns aspectos. Xa está pechado o acordo?

Aínda non. Esta semana tivemos unha reunión e realmente, do groso do que falamos foi máis ben de cohesión e coordinación sobre acción conxunta máis que de reparto porque, como xa dixen, serán pequenos cambios, retoques, de xuntar áreas íntimamente relacionadas e que agora están separadas. 

Non afectará ás grandes áreas de goberno.


No 2019 era unha cara nova na política cambadesa, pero en realidade é un veterano. Sumando a súa etapa en Muxía (catro na oposición e 12 no goberno como edil de Urbanismo), está a punto de cumprir 19 anos como posuidor dun acta de concelleiro. Como chega a Cambados?

Milito no PSOE dende 2003, pero levo vivindo e traballando en Cambados dende 2005, así que cambiei a miña militancia para a agrupación cambadesa e pouco a pouco fomos facendo piña ata que nas anteriores eleccións Fátima plantexoume ser o número dous. Á asamblea pareceulle ben e eu aceptei encantado.


Estaba chamado a ser o sucesor do eterno alcalde e candidato do PSOE muxián, pero nas eleccións de 2019 cambia a Cambados, nun momento no que a exalcaldesa plantexouse non presentarse… Alguén pode pensar que este traspaso de Alcaldía vén preparado dende entón.

En absoluto. É certo que me plantexaron ser o sucesor, pero rexeiteino por motivos persoais. Non tiña sentido que seguira na política de Muxía porque a miña vida estaba aquí: é onde vivo, traballo, casei, formei unha familia, naceron os meus fillos… Estaba plenamente integrado, este é o meu lugar agora e Fátima finalmente tivo que deixalo por problemas de saúde. Non foi nada premeditado.


Dirá que é unha cuestión de equipo e partido, pero está vostede chamado a ser o próximo candidato do PSOE cambadés.

Se o partido o considera, eu estou disposto.

Samuel Lago: “Rexeitei ser candidato en Muxía porque non tiña sentido: a miña vida estaba aquí, Cambados é o meu lugar”

Te puede interesar