Vai para seis anos xa que os Misioneiros Claretianos tiveron que deixar o edificio no que residía, en Vilagarcía, a moi cativa comunidade relixiosa, consecuencia da dinámica do “descenso de misioneiros e sacerdotes pola que foron abandonando templos e parroquias”. Atrás deixaban unha historia que sería centenaria en 2024, cun patrimonio inmoble que, ademais do templo, inclúe un espazo habitábel e unha zona aberta posterior.
A edificación, a dia de hoxe, está en desuso, malia o interese lexítimo que esta orde relixiosa ten manifestado por facela rendible economicamente, a través de arrendamento ou venda, o que lle tería permitido manter en bo estado ditas instalacións, ao igual que obter recursos que este grupo misioneiro precisa para realizar o seu labor fundacional.
Certo é que nos días da pandemia do Covid-19, os responsábeis no ámbito galego desta orde relixiosa acordaron co Concello de Vilagarcía a cesión altruísta de parte da edificación utilizada como aloxamento dos relixiosos, un total de 13 dormitorios amoblados e con baño no segundo andar, para “dar aloxamento a unidades familiares en situación de risco derivadas da crise sanitaria”, conforme escolla e fiscalización dos Servizos Sociais.
Con este precedente, e tendo en conta as necesidades actuais do noso municipio, parece conveniente aproveitar unha oportunidade que está a chamar na porta do sentido común, e á que se lle debe dar prioridade: Xestionar un acordo que permita usar a edificación dos Misioneiros Claretianos para usos sociais a favor da xente