Dereitos da natureza

Asituación do medio ambiente actual esixe unha reconsideración radical da nosa relación coa natureza. O modelo antropocéntrico, que coloca ao ser humano como centro do universo e explota os recursos naturais, sen piedade na súa desfeita, conduciu a unha situación insostible. Por iso é necesario unha Declaración Universal dos Dereitos da Natureza como ferramenta para promover un cambio paradigmático cara a unha relación máis harmónica e respectuosa co planeta. Unha causa que ten a súa xénese medio século atrás con voces que defendían, xa daquela, a urxencia de recoñecer os dereitos dos ecosistemas. Así, na última década ten gañado peso o recoñecemento formal dos dereitos da natureza, e son máis de 30 os países nos que se adoptaron instrumentos lexislativos para a súa aceptación, en moitos casos referidos a determinados cursos fluviais. No estado español, cunha lei para dotar de personalidade xurídica á lagoa do Mar Menor e conca. Aquí, no ámbito galego, polo Concello de Outes, pioneiro, que se asumiu cunha declaración institucional os dereitos do seu río, establecendo deste xeito o primeiro curso fluvial con dereitos a nivel estatal.


Con esta base, varias asociacións medioambientais, veñen de solicitar aos concellos da ribeira do Ulla que aproben unha “Declaración institucional dos dereitos do río Ulla e dos compromisos da súa comunidade ribeirá” por ser un dos ríos máis importante do país. Estas entidades alertan das continuas ameazas que a ribeira do río e as súas augas sofren decotío, causa do deterioro e a perda da súa integridade ecolóxica por mor do incremento de elementos industriais descontrolados, verteduras tóxicas e operacións de acaparamento de terras e auga con criterios de beneficio mercantil. As organizacións denuncian tamén a substitución continua de bosque de ribeira por grandes superficies gañadas polos eucaliptos e o incremento de industrias intensivas en detrimento das extensivas que distribúen a riqueza, a diversifican e son moito máis respectuosas co medio.


Unha declaración có compromiso institucional, entre outros, de actuar de xeito efectivo ante a infracción de verteduras contaminantes, presenza de lixo, danos ao patrimonio, apropiación das marxes e outras agresións que supoñan a destrución dos ecosistemas ou a alteración dos ciclos naturais. Impedir a introdución de especies exóticas invasoras e doutros organismos ou material que poidan alterar o patrimonio biolóxico do río Ulla. Defender e poñer en valor o patrimonio cultural, histórico asociado ao río e ás súas ribeiras, recuperando muíños, pontellas e outros elementos da arquitectura popular e social. Promover investigación sobre o ecosistema do río ou emprender campañas de divulgación, concienciación, educación ambiental e voluntariado sobre a importancia sistémica do río, dos beneficios da súa protección e das ameazas ás que se enfronta. Asúmanse.

Dereitos da natureza

Te puede interesar