Espello do pasado

Novamente, como cada 27 de xaneiro de calquera ano, no mundo da xente sensíbel celébrase o
Día Internacional de conmemoración en memoria das vítimas do Holocausto. Esta data foi elixida para lembrar a liberación do campo de concentración e de exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau polas tropas soviéticas en 1945. Un acontecemento do máis terrible na historia da humanidade. Estímase que seis millóns de persoas, entre elas tamén galegos, foron asasinados polas hordas fascistas. Sen dúbida algunha, o Holocausto foi un acto de xenocidio, un intento de exterminar a moitas xente pola súa filiación política, relixión, raza ou etnia. Memoria histórica que segue sendo necesaria para lembrar e relacionar en clave actual. É un recordatorio dos perigos do odio, o racismo e a intolerancia. Os promotores da celebración, agora fano co lema “lembrar para actuar”. 

 

Unha chamada que ten unha relevancia máis aprémante que nunca, porque mentres lembramos os horrores do pasado debemos tamén mirar con ollo crítico o presente e actuar para evitar atrocidades similares. Lamentablemente, a conmemoración vese ensombrecida pola intolerábel situación en Gaza, onde as accións do exército sionista israelí levan desencadeado un verdadeiro exterminio, con efectos igualmente devastadores ou mesmo superiores aos perpetrados polos nazis durante a persecución dos xudeus. A destrución das cidades e os pobos, das súas casas, escolas e hospitais, a terrible morte diaria de centos e centos de nenos e nenas, anciáns, mulleres, homes que son enterrados envolvidos nun sudario branco abrazados polas súas familias, nenas abandonadas que choran a súa soidade polas rúas; e todo iso baixo as bombas e os disparos. Vémolo cada día, en casa, calados, querendo gritar contra un xenocidio que xa provocou máis de 26.000 mortos nestes meses. A comunidade internacional debe enfrontar a realidade de que a historia está a se repetir de maneira espantosa. A violencia indiscriminada, os ataques aéreos sobre poboación civil e a falta de respecto pola vida humana son accións de exterminio. Resulta sarcástico que Israel, un país fundado na memoria do Holocausto, estea agora realizando accións que nos obrigan a cuestionar se realmente aprendemos da historia. A invasión de Gaza non pode xustificarse como unha resposta lexítima por ameazas de seguridade. A comunidade internacional debe exercitar todo o seu poder de resposta contra esta violación flagrante dos dereitos humanos e debe impoñer que se deteña de inmediato esta matanza indiscriminada. Non se pode permitir que a traxedia palestina continúe sen resposta, nin que se repitan os erros que tantos comprometeron non repetir.

Espello do pasado

Te puede interesar