Nestes meses de verán, de forma intensa, mais realmente durante os doces de cada ano, dende Ortegal ao Miño e dende as ribeiras da Costa da Morte aos cumes de Pena Trevinca, non existe lugar sobranceiro sen unha festa de referencia na que se faga exaltación dalgún produto ou prato cociñado da súa localidade ou contorna. Algún sitio aínda haberá sen festa, non moitos. O catálogo está ben cheo deles. Diso dá conta a memoria popular: Para peixe fresco Vigo, para bonito Burela, para chocos Redondela, para empanadas Bandeira, para lampreas Arbo, para sardiñas Sada, para cocido Lalín, para marisco O Grove, para polbo O Carballiño… Así é a nosa tradición gastronómica popular. E así son as nosas festas. Unha enchente que percorre o país sen tregua. Trinta anos atrás, un libro titulado “Festas gastronómicas de Galicia”, contiña ficha de 240 festas gastronómicas. Un tempo ben atrasado porque hoxe son moitas máis, unha boa chea delas. Abofé que boa chea.
Así e todo, a gastronomía galega, ademais de ser un pracer para o padal, é un elemento fundamental da nosa identidade cultural. As festas gastronómicas, que se celebran por todo o país, non só exaltan os produtos locais, senón que tamén funcionan como manifestacións sociais que fortalecen a comunidade. Son unha manifestación viva da nosa identidade cultural, un reflexo da nosa historia e unha ferramenta de cohesión social. Estes eventos, que hoxe en día son case omnipresentes en toda a xeografía do noso país, están profundamente arraigados na nosa tradición social e cultural, converténdose en auténticas celebracións da identidade galega de pobo singular.
Cada prato típico, representa unha conexión coa terra e co mar, cos dous elementos de subsistencia material que definen ao noso territorio. A relación directa entre os produtos locais e as receitas tradicionais non só reflicte a nosa dependencia destes recursos, senón tamén unha veneración polos mesmos. A tradición oral mantivo viva a memoria de como preparar estas delicias, transmitindo non só as técnicas culinarias, senón tamén os valores e as historias que acompañan cada prato. Cada un deles está vinculado a celebracións específicas, fortalecendo os lazos e reforzando a identidade social. Nas feiras e romarías, ao redor dunha mesa, a xente reúnese, comparte comida e, con ela, parte da súa historia e da súa cultura. Este acto de compartir, de estar xuntos arredor dos nosos pratos máis emblemáticos, converte cada celebración nun momento de transmisión cultural, onde as novas xeracións absorben as tradicións e o idioma dos seus maiores.
Ademais, a gastronomía galega, a dieta atlántica, serve como ponte entre o pasado e o presente. Aínda que moitas receitas se adaptaron aos tempos modernos, conservan o seu espírito orixinal, permitindo ás persoas de hoxe manter unha conexión viva coas súas raíces. Este vínculo co pasado non é só unha forma de preservar a nosa identidade, senón tamén de garantir que esta se transmita ás futuras xeracións. Así, a comida convértese nun elemento de continuidade cultural, que non só alimenta o corpo, senón tamén a alma dun pobo. É, por tanto, un ben cultural de carácter inmaterial.