Palcos da música

As metodoloxías de traballo etnográfico son esenciais para comprender as dinámicas de cambio e permanencia nas festas populares. Caso da importancia social e traxectoria dos “palcos da música”, reflexo vivo da cultura material e inmaterial dunha comunidade. O palco da música, construción singular, non só representa un valor patrimonial pola súa arquitectura e deseño, non todos claro, senón tamén polo seu papel como epicentro da vida social en pobos e cidades ao longo da historia.

 

A análise etnográfica, asociada a outras ciencias e técnicas afíns, permite valorar como estas construcións que facilitaron ou limitaron as expresións culturais e como evolucionaron ou resistiron ao paso do tempo. Ao estudar os palcos da música e seus espazos asociados, obsérvase que non son meras estruturas físicas; son espazos onde a memoria colectiva e a identidade cultural entrelázanse. A festa popular, por tanto, convértese nun acto de reafirmación da comunidade, un punto de encontro onde se celebra a continuidade e recoñécese o cambio. Tesouro da memoria.

 

Velaí están, os palcos, ocupando territorio pola xeografía galega, aquí e acolá. No medio da alameda, no campo da festa, quedos e calados na maior parte do tempo. Os palcos da música fan parte dun patrimonio que respondeu a unha época moi concreta e atópanse, en moitos casos, en desuso. Funcionalmente, hoxe en día a equipaxe que portan as modernas orquestras, coa súa caravana de grandes camións e palco portátil, deixaron a estes equipamentos sen o seu obxecto.

 

Con todo, diante destas modestas instalacións, é necesario ampliar a noción de patrimonio cultural ao centrar a mirada en certos obxectos patrimoniais e situar na memoria colectiva a estas construcións que en moitos casos son vítimas do desprezo e sempre do desleixo. Algúns desaparecen porque si, ou múdanse de lugar, tíranse do medio para polos nun recanto, e en ocasións están moi deteriorados. Por iso, para “contribuír ao coñecemento sobre a cultura popular galega a partir do estudo da materialidade das verbenas e das festas parroquiais no territorio galego, atendendo á importancia simbólica que se lles confire como elementos configuradores das relacións de sociabilidade e pertenza ao territorio” vense desenvolvendo un proxecto, de cultura participativa cidadá, co título “PALCOS. Cultura material e festa na paisaxe rururbana galega”, a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (CSIC),  que vén de presentar o resultado de primeira fase nunha xornada para (re)pensar a verbena na que se valorou as novas e vellas formas de facer a festa. Este traballo só aborda os palcos de 1970 a 2000, quizás os de menor valor arquitectónico.

 

Preto a douscentos palcos, xeolocalizados, con imaxe e con referencia ás festas que se celebraba neles, conforman o primeiro mapa do proxecto. Están dispoñibles na rede, mediante unha plataforma participativa. Agora comeza a segunda fase para fondar nos estudos. É cultura viva.

Palcos da música

Te puede interesar