Publicidade e propaganda

Goberno do señor Varela e compañía é un mal goberno sen dúbida, pero hai que recoñecerlle unha capacidade case heróica: anunciar unha cousa que non está feita durante decenas de ocasións. Así foron decenas os anuncios da mellora do Cavadelo, ou da casa Jaureguízar ou da biblioteca. Todas anunciadas e ningunha executada despois de meses e anos de anunciar unha e outra vez as mesmas obras.

Pero sendo todas estes anuncios obras mestras do engano á cidadanía, están todas superadas pola obra cimeira deste modo de actuar: o novo centro de saúde. Un día anuncian o acordo, outro día a sinatura do acordo, despois o ok da Xunta, máis tarde a aprobación do pleno. Despois anuncian como se pagará a parcela, logo que se pediu o crédito e logo anuncian que anunciarán un anuncio. Cada semana unha ou dúas noticias sobre un novo centro de saúde que, mesmo no mellor dos casos, tardará aínda dous anos en comezar a construírse.

Todo isto non sería grave se o actual centro de saúde non fose un perigo contra a saúde dos seus usuarios. É un desastre e para demostralo van os exemplos: en todo o mes de agosto a metade dos nenos non van ter pediatra; cando vas a urxencias tes que esperar na rúa; facer unha pcr é padecer unha tortura porque hai que estar de pé, no medio da rúa, recibindo atención a través dunha fiestra, soportando nesta situación longuísimas colas; tampouco hai que deixar de apuntar a falta de médicos; interminables listas de espera e, todo isto e o que falta, día tras días.

Pero esta situación deteriorada que padece a cidadanía de Vilagarcía ao alcalde coa súa maioría absolutista non lle importa. Non gasta un minuto do seu tempo en reparar nela e, faltaría máis, non ten un minuto do seu tempo para reclamarlle ao Sergas o que é xusto para Vilagarcía con ou sen novo centro de saúde. Non reclama, non reivindica, nin monta un acto dos de alto copete coa Fegamp para dicir basta xa a unha situación grave para a saúde de Vilagarcía. O que ven sendo un alcalde manso fronte a Xunta, que se plega a todo, que ignora o malestar da veciñanza a cambio de non molestar a Consellería de Sanidade para que non rache o acordo que, no mellor dos casos, vai levar o centro de saúde a unha das peores ubicacións posibles.

E aínda quedaría por explicar o ramo da obra de desidia do alcalde de Vilagarcía. Colleu unha cantidade desorbitada de cartos públicos, de cartos que son de toda a cidadanía, e mercou un terreo portuario que xa era público para que continúe sendo público. Un máquina vamos.


Publicidade e propaganda

Te puede interesar