Transporte público

Gustaríame dicir que non hai ninguén hoxe, en ningún recuncho, que non asuma a importancia de cambiar a nosa maneira de movernos e desprazarnos. Hai cambios nos últimos tempos, que levaron a cidades máis humanas e con máis espazos para as persoas fronte aos coches. Tamén os impulsos ao uso da bicicleta, no que o resto de Europa todavía parece ir máis avanzado aínda que nestas terras (a pesares dos climas máis fríos e ásperos), pero que tamén ve melloras aquí. Os transportes públicos nas grandes cidades, como o metro ou o autobús, son absolutamente imprescindibles. Os concellos, responsables dos entornos urbanos, fixeron as súas apostas pola mobilidade sostible.


Nos últimos tempos hai enormes avances no ferrocarril. Si, con grandes problemas nas recentes semanas aos que se fai imprescindible que se de resposta e solución. Non poden quedar manchados os grandes avances na alta velocidade, nos abonos e nas bonificacións que permiten hoxe pensar que temos moi cerca unha enorme vitoria tanto medioambiental como económica para as familias. Canto aforra un estudante ou unha traballadora que faga ida e volta a Coruña ou Vigo dende Vilagarcía agora gratuitamente? O Estado, responsable dos trens, fixo a súa aposta polo transporte público e a mobilidade sostible.


Pero pregúntome eu por que é máis fácil viaxar de Vilagarcía a Madrid que de Catoira a Cambados, ou calquera combinación que vostede desexe nesta comarca… ou noutras. O transporte público por estrada, o autobús, é imprescindible nunha Galicia con poboación tan dispersa, e supón o complemento perfecto ao tren. Sen unha liña natural de autobús, os universitarios de O Grove (por poñer un exemplo) teñen moitas menos vantaxes que os de Vilagarcía para viaxar a Santiago. E xa non falemos do cicatero e recortado transporte escolar. Nesta Galicia nosa o gran buraco do transporte está no autobús, que a Xunta menospreza e sobre o que non inviste o necesario. A Xunta, responsable dos autobuses, racha con todo e impide o avance.


Dicía antes que gustaríame dicir que todos cremos na importancia do transporte público. Pero están os que, por ignorancia e atrevemento, son negacionistas de cara. E tamén os que, por incompetencia e deixadez, négannos aos demáis que poidamos facer mellor as cousas

Transporte público

Te puede interesar