Votar contra a desigualdade

Vivimos un mundo desigual, indiscutiblemente. É imposible relatar todas as inxustizas que existen, como é imposible facer fronte a todas con éxito á vez. Eu desconfío de quen pode prometer terminar con todo o mal dun golpe. Pero o que nunca debemos facer é deixar de aportar o que temos para que ao noso redor poidamos vivir con algo máis de xustiza.


Todo o mundo querería estar sempre na súa casa, pero hai dependencias que só o fan posible se un ten moitos cartos para pagar os servizos na casa. A isto súmase que cando as residencias de maiores seguen estando na maioría en mans privadas, e en Galicia non se constrúen novas para que sigan tendo negocio, obrigamos a pagar prezos elevadísimos a quen poida pagalos... e abandonamos a quen non pode a condicionar toda unha familia ou vivir en condicións pésimas. 


Cando a lista de espera na sanidade é tan insoportable como todos sabemos, quen pode acaba derivándose á sanidade privada, que subiu un Galicia un 20% nos últimos anos. Cando sube o prezo do aceite, da froita, do leite e da roupa, as pensións deben subir en igual medida porque, de non ser así, cada vez os pensionistas vivirían peor. Cando as familias con menos recursos necesitan unha vivenda a prezos xustos, ou cando a mocidade quere emanciparse e non pode porque non hai aluguer dispoñible, só poden facelo os que poden pagar prezos desorbitados ou os que teñen moitas vivendas na familia. Isto é desigual.


Por iso hai que rebelarse contra a desigualdade e a inxustiza, e investir en que as residencias teñan prezos asequibles. Precisamos tratar mellor aos profesionais sanitarios, e apostar por unha sanidade reformada para poder atender mellor a todo o mundo. É imprescindible construír vivenda pública a prezos de compra e aluguer posibles para a xente que a necesita. E debemos seguir crendo en que hai que subir o salario mínimo para que ninguén cobre miserias, e elevar as pensións co custe da vida.


Precisamos combater a desi­gualdade. Iso é o que nos move a quen facemos política, e para iso estivemos pedindo a confianza da cidadanía. Agora, está nas mans de todas e todos. Por iso eu votarei socialista con toda a convicción e a determinación de poñer o máis valioso que teño na loita contra a inxustiza que provoca esa desigualdade. E, en Galicia, Desta Vai.

Votar contra a desigualdade

Te puede interesar