O Museo do Cacto (Centro de Activación Cultural Torres do Oeste) en Catoira acaba de incorporar á súa exposición unha nova maqueta dun barco viquingo de guerra cedida pola multinacional de videoxogos "Viking Rise", patrocinadora da Romaría Vikinga.
O edil de Cultura, Raúl Gómez, manifesta que a firma asiática está a potenciar a súa colaboración co Concello de Catoira nesta edición en diferentes eixos. Ademais de ampliar o seu patrocinio e facilitar agasallos en sorteos, tamén entregou ao goberno local a réplica dun drakkar coa fin de completar a exposición municipal relativa ao mundo vikingo no museo local. O nacionalista sinala que "non podemos estar máis agradecidas. A disposición para poñer en valor a nosa romaría e colaborar con nós é total".
A responsable do museo e das visitas guiadas do Cacto, Ana González, foi a persoa encargada de darlle forma á maqueta. De feito o barco chegou a Catoira desmontado en pezas nunah caixa e foi preciso dedicarlle tempo para "construílo".
A peza cedida por Viking Rise é unha réplica dunha embarcación de guerra. Neste caso é ancha e curta, semellante a unha tipo Oseberg destinada tamén a ritos funerarios. "Os viquingos tiñan tipos de embarcacións diferentes segundo o seu obxectivo: uns para incursións, outros para saqueo... Nós tiñamos en Catoira unha réplica de langskip, longa e de pouco calado, e a que acaba e chegar é un modelo que completa a exposición", sinala González.
Trátase dun modelo de madeira de barco vikingo baseado no buque de guerra do xogo, combinado coa estrutura do casco dos barcos reais e utilizando a técnica clásica de revestimento co clinker, este modelo restaura con autenticidade a estética da navegación vikinga.
A técnica apunta que a reconstrución da maqueta foi verdadeiramente laboriosa e moi interesante. "A dedicación que esixiu montar este pequeno barco fai pensar no traballo que realmente levaba facer un barco real, sobre todo naquela época. No meu caso fíxome transportarme na historia e valorar aínda máis a construción", destaca o concelleiro.
Tanto o novo drakkar como o resto da colección están abertas ao público no horario oficial de verán: os mércores de 17 a 20 horas e de xoves a domingo de 11 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20 horas polas tardes. É posible facer visitas guiadas previa consulta.