Arte comunal en Vilagarcía para regalar ao poeta Ananín o poder da beleza eterna

Arte comunal en Vilagarcía para regalar ao poeta Ananín o poder da beleza eterna
Saudade Artiaga é a comisaria da mostra I MÓNICA FERREIRÓS

Canta Chaouen que non hai mellor forma de non deber nada que dando todo o que teñas que dar. Foi esa a máxima da vida e obra de Eduardo González Ananín, poeta dividido polo Atlántico, que fixo patria da arte, que concibiu como unha explosión de saberes. “Rodeábase sempre de artistas plásticos, de músicos...”, explica Saudade Artiaga, comisaria da exposición que se pode ver  ata o primeiro de setembro na Sala Rivas Briones. A idea de poñer en marcha esta mostra, na que escultura, pintura, música e voz danse a man cos versos de Ananín, xurde tras a morte do poeta, que deixou unha estela de máis de nove décadas de loita polos dereitos civís e de solidariedade cos máis desfavorecidos.
 

O desarraigamento, vinculado tanto a perda da súa nai a unha idade tan temperá como para deixalo sen un só recordo, pero tamén por ter que vivir no exilio, forma unha parte fundamental da súa obra. A exposición “Ananín” ten como obxectivo, explica Artiaga, divulgar o “legado en galego” do poeta homenaxeado.
Pero foron as fillas de Ananín, María Ángeles e Inés Marina González Oliveira, as que propuxeron incluír dous poemas en castelán, o que tamén abriu a porta a internacionalidade dun home que fixo das portas abertas un fogar na súa casa e no seu corazón.

 

Un exilio interior

Aos dous lados do Atlántico apostou González Ananín pola cultura como intercambio, formando en Bos Aires, cidade á que navegou para liberarse da “asfixia moral”, un grupo do que formaban parte artistas, escritores, xornalistas ou sindicalistas como Xosé Conde, Manuel Fernández Valle, Maruxa Boga, Alfredo Aróstegui, Tacholas, Laxeiro, Blanco Amor, Neira Vilas e Anisia Miranda, entre outros.
Cruzou o océano nos anos 50 e regresaría algo máis de tres lustros despois, nunha viaxe de seis meses da que volveu cun importante botín: Un baúl cheo e recordos para os amigos que estaban no exilio e que non podían acercarse ás súas casas.

 

Escultura francisco leiro
Escultura de Francisco Leiro I MÓNICA FERREIRÓS

 

Con banda sonora

Xa a súa segunda travesía, morto o ditador e trasladándose a “asfixia” ao outro lado do océano, González Ananín retornou á terra do vello carballo de Tibiás (Ourense, a súa patria), que inspira o poema “El viejo roble”, protagonista do segundo andar da Rivas Briones, onde artistas chilenos, madrileños ou malagueños plasman en diversos formatos o que lles inspira o poema. No centro, unha instalación inmersiva da comisaria, Saudade Artiaga (Mondoñedo, 1986), na que a voz da árbore esfolla en versos, chega a todos os recunchos cunha locución de Luis Conde e a música, feita para a ocasión, de Juanjo Sánchez. 
 

A mostra conta coa colaboración do Concello de Vilagarcía, a Universidade de Diseño, Innovación e Tecnoloxía (Udit) e  está promovida pola Fundación Artiaga, que ten na divulgación da cultura un dos seus fins principais, aínda que non o único. O artista cuxa obra se documenta nesta entidade, Xosé Artiaga, foi moi amigo de Ananín. A súa filla, Saudade, conta que reunir aos artistas non foi nada difícil.  Fotografía, escultura, pintura, experiencia e emerxencia; Danse a man, solidariamente, nesta homenaxe a un poeta tan vixente que aínda dispara: “Os asasinos áchanse tristeiros porque non poden matarnos moitas veces. Sóbranlles tantas bombas!”.

 

Arte comunal en Vilagarcía para regalar ao poeta Ananín o poder da beleza eterna

Te puede interesar