O BNG de Vilagarcía amosará no vindeiro pleno da Corporación a súa petición de que o uso da lingua galega se estenda a todos os elementos de debate e intervención das sesións plenarias, promovendo así a súa utilización en virtude da Lei 3/1983 de Normalización Lingüistica. Lembran dende o Bloque Nacionalista que esa normativa encomenda aos poderes públicos que garantan e potencien o uso do galego en todos os ámbitos e recorda que distintos concellos galegos teñen recollido nas súas propias ordenanzas de Normalización Lingüística que os cargos municipais se expresen normalmente en galego nos actos públicos realizados en Galicia por razón do propio cargo.
Cabe sinalar que a maior parte das intervencións que se fan na sesión plenaria vilagarciana por parte dos edís –salvo excepcións– se fan en lingua galega.