Cardalda: “O bonito de Vilaxoán é que non só se canta, senón que se canta ben”

Cardalda: “O bonito de Vilaxoán é que non só se canta, senón que se canta ben”
Álvaro Cardalda co acordeón que o acompañará no seu primeiro ano ao fronte do “Vilaxoán Canta” | gonzalo salgado

Director de “Vilaxoán canta”


Di a letra dunha canción popular que “tres cousas ten Vilaxoán que non as ten calquera: a coral, o San Martín e o campión Pantera”. Esta pequena vila mariñeira podería sumar a ese listado o seu “Vilaxoán canta”, unha cita tradicional que se leva celebrando dende hai máis de 40 anos e que goza de máis vitalidade ca nunca. O músico vilaxoanés Álvaro Cardalda dirixirá por primeira vez na historia ao seu pobo tras a retirada de Salvador Cores “Manso” e coa idea de seguir ilusionando á xente nun evento cunha gran identidade popular.


Non sei se lembra a primeira vez que foi a un “Vilaxoán canta”...

Eu lémbrome de ir dende sempre. Levábanme meus irmáns e meus pais. Era como unha tradición o de os luns das festas do Carme escoitar e cantar co “Vilaxoán canta”. Ver aquel home cun acordeón grande é algo que teño no meu recordo.


Vamos, que o amor pola música e o cante está moi arraigado en Vilaxoán...

Moitísimo. Eu participo nas comparsas e tamén nas saídas do Nadal e ves que en calquera lugar a xente se anima a cantar moi facilmente con só ver unha guitarra ou un acordeón. O bonito é que non só cantan, senón que cantan ben. Non sei se porque de pequenos xa llo inculcaron, pero o certo é que a xente maior canta ben e de forma natural. É bonito iso de ver cantar á xente no bar ou que se abran as portas das casas e cantar cos veciños.


De cativo nunca chegaría a pensar que ese home do acordeón xigante ía acabar sendo vostede. Como se tomou a decisión de que –tras a marcha de “Manso”– fose quen collese as rendas do evento?

Foi algo que se deu de forma natural. El é xa unha persoa que ten unha idade e considerou que tiña que haber un relevo para que isto non se perdera. É a súa ilusión e sempre o di, que mentras el viva isto que fundou xunto a Máximo Patiño e o resto do pobo non se perda. Empecei a ensaiar con el nos últimos anos e chegado o momento pois era natural que me quedase eu de relevo.


Nova dirección e novas propostas. Primeiro ano ao fronte e haberá novidades...

Si, vai haber novidades. Primeiro porque queremos facer unha parte na que canten os nenos para introducirlles un pouco esa tradición, para darlle continuidade e para que se ilusionen. Eu son mestre e paréceme fundamental ensinarlles e trasmitirlles dende nenos a tradición oral, as cantigas, a música... Ademais poden participar no evento coas familias, cos pais, cos avós...


Será a única novidade?

Non, tamén haberá algún convidado sorpresa sobre o escenario para darlle un pouco de dinamismo e despois a intención é salvar a barreira que supón un escenario tan alto. Quero que isto se poida solventar e estar máis cerca do público. De feito estamos pendentes do Concello para que nos axude un pouco neste sentido. Non só son eu, somos un grupo de 10 persoas que estamos traballando para facer un evento á altura do que se merece. Tamén sacamos unhas camisetas conmemorativas para darlle ao acto un aspecto máis unificado.


Dende logo é un evento que ten moita sona máis alá de Vilaxoán...

Si, ten moita sona a nivel popular, pero igual o Concello debería implicarse máis para darlle un pouco máis de proxección. O “Vilaxoán canta” copiárono noutros lugares e está tendo moito impacto. Creo que é un evento de unión, de sentimento, e que hai que potenciar.


E no repertorio? Haberá cambios?

Hai un repertorio dende o 1980 e hai temas que son fixos. Algunhas van variando, pero sempre na liña da canción popular e sobre todo de temas que se cantan aquí na zona.


Foron dous anos parados pola pandemia. Hai ganas?

Si, moitas. Os dous anos de pandemia foi imposible, pero a sensación que se percibe é de ilusión. É unha cita ineludible á que poden unirse tanto os de Vilaxoán coma os que non son daquí.

Cardalda: “O bonito de Vilaxoán é que non só se canta, senón que se canta ben”

Te puede interesar