Javier Frieiro Santaya | “As autoridades franquistas querían facer de Vilagarcía unha copia en pequeno da Costa do Sol”

Javier Frieiro Santaya | “As autoridades franquistas querían facer de Vilagarcía unha copia en pequeno da Costa do Sol”
Javier Frieiro posa co libro no que se atopa a súa investigación, que se presentará en Vilagarcía | Gonzalo Salgado

Licenciado en Historia, Javier Frieiro está facendo a tese de dou­toramento e, froito deste traballo, participa co grupo Hispona nos proxectos apoiados pola Secretaría do Estado de Memoria Democrático sobre espazos de franquismo e transición (2022) e as rotas da memoria democrática galega (2024). No marco deste traballo xurde “Pasado arrincado”, un libro coordinado por Emilio Grandío no que o mozo caldense fai un percorrido polas décadas dos sesenta e os setenta en Vilagarcía, que leva por título “Ribainsa uno. Movemento veciñal e mobilización democrática”. A publicación, que se presentará no Faiado da Memoria sobre o 14 de abril, xa está en librerías.

 

Por que escolleu esta temática para este traballo?
Dende o grupo Hispona entendemos a recuperación da memoria como un imperativo na sociedade democrática, tamén como unha necesidade de recuperar referentes. Neste senso, a idea deste traballo era romper un pouco co relato que prima na sociedade sobre o final do franquismo. Aínda que os historiadores veñen desfacendo tópicos, como que a transición foi un acordo das élites mediante a mediación do monarca emérito, no que a sociedade non tivo protagonismo e foi un suceso pasivo, este proceso segue a ser un descoñecido. A situación é alarmante no que respecta á xente máis nova, en parte pola alarmante desactualización dos currículos. Por iso, o proxecto ten tamén unha guía docente, editada por Galaxia, como parte da súa impronta divulgadora. Os proxectos poden consultarse na web memoriasvivas.es.

E por que decide exemplificalo no edificio Ribainsa? 
É un lugar moi representativo de dúas cosas: Primeiro o que querían as autoridades franquistas, que era o “milagre de Vilagarcía”, convertila en urbe como baluarte industrial e turístico. Buscaban unha copia, a pequena escala, da Costa do Sol; mentras que por outro, a construción deste edificio contrastaba coa situación do rural como Trabanca Sardiñeira, onde se situaba. Ribainsa privou aos veciños de vistas ao mar. Era parte da lista de agravios. As parroquias estaban completamente desatendidas. Non había alcantarillado, nin alumbrado público. Non sempre había auga en todas as casas.

 

E así xorden os movementos veciñais, tamén en Vilagarcía...
Nos anos 60 o franquismo adapta a súa mensaxe. De celebrar a “vitoria” pasa a falar dos “25 anos de paz”. O novo discurso susténtase neste principio, no do progreso económico, vertebrado na figura do ditador. Nas primeiras décadas, o obxectivo da violencia non era só a eliminación física de contrarios, se non tamén estender o medo e que a xente asociara a participación política e social como algo a evitar. O problema é que durante finais dos anos 50 e nos 60, algúns sectores danse conta de que así tamén se pode afectar á ditadura para mobilizar os seus propios apoios. Así se entende a lei de asociacións.

 

Pero houbo un erro de cálculo, porque coláronse nesas asociacións os opositores...
A idea orixinal do franquismo, o máis ben das familias do réxime como os falanxistas ou o Opus, eran instrumentalizalas. Pero non previron que esa apertura, precisamente, foi un tiro no pé. Porque foi un mecanismo que se utilizou e instrumentalizou por parte dos opositores ao réxime. Iniciamente os colectivos, non só veciñais se non de pais ou cabezas de familias ou amas de casa, non estaban, necesariamente, integradas por persoas contrarias á ditadura, incluso moitas eran partidarias, pero precisamente nesas asociacións o que derivou que acabaran tornando en posicións máis hostís. Ademais, os partidos políticos as utilizan porque non hai outra forma  de reivindicar as súas respectivas causas. E créase o que xa outros autores definiron como  “escolas de democracia”. Son medios para a concienciación. Dentro das asociacións, a xente aprende a elixir representantes e esixirlles responsabilidades, a asistir asembleas e a adquirir tamén deberes. En definitiva, familiarízanse coa participación cívica e co diálogo coas autoridades. En Vilagarcía houbo ata nove asociacións.

 

É curioso como fala de que moitas veces mesturaban críticas con encomios... 
Era un mecanismo que empregaban as asociacións nos primeiros anos, contando con xornalistas comprometidos. Colaban críticas veladas, para que estas non puideran ser interpretadas como demasiado contestatarias, xa que poderían supoñer un castigo. Os farois son moi bonitos pero non funcionan, dicían. Despois, cando vai pasando o tempo, xa se van perdendo eses complexos.

 

Parece un discurso novo, pero xa entón se alertaba das consecuencias do Iberporto...
Era un modelo difícil de poñer en marcha porque se fundamentaba en turismo e industria. Esa vontade era incompatible cun modo de vida de centos de familias que vivían do mar, que tiñan a experiencia de ENCE. O medo á contaminación estivo por riba das promesas de moitos empregos.

 

Aprendimos algo o segue a ser o modelo “desarrollista” predominante nas políticas?
Basta con ver os primeiros anos do século XXI. É noutro marco, pero construír moito e moi alto segue a ser relacionado con progreso económico. A historia non se repite, pero rima. 

Javier Frieiro Santaya | “As autoridades franquistas querían facer de Vilagarcía unha copia en pequeno da Costa do Sol”

Te puede interesar