Moita xouba e pouca sardiña para o San Xoán

Moita xouba e pouca sardiña para o San Xoán
Xoubas na Praza de Abastos de Vilagarcía | GONZALO SALGADO

Moita xouba e pouca sardiña é a que hai estes días na Praza de Abastos de Vilagarcía. Aqueles que queiran gozar deste rico e prezado peixe nas fogueiras previstas para a noite de San Xoán terán que conformarse cun produto máis pequeno. “Iso si, igual de saboroso”, explican os vendedores. Nas lonxas é practicamente imposible atopar sardiña de gran tamaño “que é a que quere a xente, a verdade, pero non a hai”. Por iso a clientela o que merca é xouba. Os prezos oscilan entre os 5 e os 8 euros e non parece que vaian a baixar de cara á xornada de hoxe, que é cando están programadas as reservas por parte daqueles que teñen preparadas grandes sardiñadas. “Non nos podemos queixar. A venda foi indo e temos caixas xa pedidas. Esperemos que as haxa na lonxa”, explica un dos vendedores do Mercado municipal. Outros din que se está vendendo menos que en anos anteriores. “A xente non pode igual que anos atrás. Eu recordo que ía a sardiña a 12 ou 15 euros e que as levaban. Agora iso non pasa. Tamén hai que saber o produto que se trae e o que a xente está disposta a pagar por el”, manifesta unha vendedora.


Do que non cabe dúbida e de que hoxe haberá unha importante efervescencia na Praza de Abastos de Vilagarcía, dado que a cita coas sardiñadas e coas fogueiras é hoxe pola noite.


Algunhas celebracións optan por prescindir cada vez máis das sardiñas e ofrecer unicamente churrasco. “É o que hai. Os prezos son os que son e a xente compra o que pode”, explica outra das vendedoras da Praza de Abastos. Iso si, pese ao prezo a xouba –neste caso– “polo San Xoán molla o pan”.

Moita xouba e pouca sardiña para o San Xoán

Te puede interesar