Desde o faiado da memoria...

Moitos foron e son as persoas que en Vilagarcía de Arousa fixeron e fan un esforzo ímprobo por recuperar e manter activos moitos dos recordos individuais e colectivos que conforman o noso acervo sociocultural e forman parte da nosa historia contemporánea. Pero tan importante como recopilar ese material, estudialo e interpretalo é tamén poñelo en valor e divulgalo. E aquí quen se leva a palma é, ao meu modesto entender, O Faiado da Memoria, entidade que dirixe un tándem excepcional como é o conformado por Margarita Teijeiro e Antonio Caeiro, tanto monta, monta tanto…
O seu traballo aprol do rescate do esquecemento de persoas, historias, figuras, xestos, heroicidades silenciosas, a cotidianidade do pasado ou a nosa intrahistoria fan desta entidade un elemento en si mesmo digno de toda loubanza e apoio por parte da cidadanía arousá.
Agora están con outra “historia”, a protagonizada pola memoria individual e colectivas de tres persoas que teñen moito que dicir e que contar de Vilagarcía de Arousa como son José Recuna, Cándido Castro e Enrique Vidal (a orde en que vostedes os poñan dame o mesmo porque neste caso a orde dos factores non altera o produto senón todo o contrario, o resultado é fantástico).
O proceso de catarse vai ter lugar este xoves, unha catarsis transversal da Vilagarcía do século pasado con confidencias relatadas polos seus protagonistas que farán que viaxemos no tempo e na imaxinación da man de José Recuna ata as derradeiras veces en que a escuadra inglesa poñía pé no peirado da localidade e protagonizaba aqueles míticos partidos de balompé. Tamén poderemos rememorar aquel vello voo do zeppelin que mantivo a vista de toda a cidade fixa no ceo facendo un seguemento olliplático do paso ralentizado dese inxenio humano que podía flotar no aire ante a admiración dos veciños e veciñas da capital arousá.
Tamén se poderán revivir momentos tristes e complicados e tamén a dor estará presenta no repaso da nosa memoria con Cándido Castro e o propio comisario Enrique León que se mergullarán en acontecementos luctuosos como a explosión da pirotécnica Valladares ou o negro mundo do narcotráfico na Ría de Arousa.
En fin, que sin o traballo, o esforzo e a constancia de Margarita Teijeiro e Antonio Caeiro e o concurso do Faiado da Memoria e o coñecemento de transmisión oral que atesouran persoas como Recuna, Castro ou León quizais o acontecer de Vilagarcía sería, por desgraza, outra historia, ou non?

Desde o faiado da memoria...

Te puede interesar