Arde Gallaecia

arde Lucus é unha proposta lúdica, festiva e de utilización do patrimonio cultural, material e inmaterial derivado da historia, certa ou lixeiramente adaptada ao efecto, que se vivirá e gozará perante o recinto amurallado da vella cidade luguesa. Ben está, porén vale tamén para tomar empréstito da súa nomenclatura e apuntar noutra dirección, a dos lumes dramáticos que devastan este país, ano tras ano, nunha dinámica que medra en catástrofe e destrución co paso do tempo. Nunca mellor a conclusión da sabedoría popular: Os lumes apáganse en Inverno. Agora é o  momento. Toca preocuparse polo que virá nos próximos meses; e, máis aínda, pola reflexión que se deriva do informe “Protexe o bosque, protexe a túa casa” que vén de facer público a organización ecoloxista Greenpeace, avaliando riscos da nova era de incendios. Cousa ben seria.
Estamos xa en tempada de lumes. Si, certamente salvados por unha meteoroloxía que ata o día de hoxe trouxo chuvia e, con ela, tranquilidade ao medio rural. Mais iso non debe facer que esquezamos o efecto das lapas que asolaron boa parte do territorio galego no pasado mes de Outubro. Non. É momento de lembranza, de previsión e de actuar fronte á carencia de propostas activas das que amosa estar ausente a política do goberno da Xunta. Aínda nada sabemos das conclusións operativas que deberían saír da comisión técnica creada “para o estudo sobre os incendios”. A esixencia de forzar a limpeza nos espazos próximos ás zonas habitadas ou próximas ás estradas de máis densidade na circulación, non pasa dun remedio cativo que non cura a enfermidade de raíz. A cerne do problema está na definición dunha estratexia na explotación do monte galego que mude o monocultivo de especies que resultan un combustible incendiario por alternativas funcionais múltiples que eviten o risco.
A entidade ecoloxista, no documento mencionado que vén cunha ferramenta interactiva, en liña na rede de internet, chamada “Calculadora de Risco fronte a incendios forestais”, coa que é posíbel facer unha avaliación do perigo potencial que ten unha vivenda fronte ao lume incendiario; conclúe no informe que Galiza “suspende en planificación malia ser o territorio que sofre máis sinistros incendiarios forestais“ no Estado español e, a respecto diso, afirma que “a planificación de de incendios na comunidade galega é particularmente deficiente en tres áreas: prevención, emerxencia e na propia protección que deben seguir as persoas en situación de risco”. 
Sostén, Greenpeace, que “o modelo de xestión de incendios baseado na extinción non resolve o problema”, céntrase na causa que orixina o lume, pero non na que o propaga. E propón dar alternativa ás queimas como causa máis frecuente, lonxe da existencia de tramas organizadas. Asumamos que estamos diante dunha prioridade ambiental e dun problema de emerxencia social. 

Arde Gallaecia

Te puede interesar